Touriñán: «Temos que sacar peito por ser galegos, que xa vai sendo hora»

Carlos b. torrado / S. F.

FUGAS

ANGEL MANSO

É un artista todoterreo. Agora achégase co seu humor a O Meigallo, en Sarria, cun novo monólogo tras unha tempada de éxitos no teatro e na televisión

26 jul 2019 . Actualizado a las 10:19 h.

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) é un gran pai e na primeira chamada atopámolo ocupado. «Chámote eu en cinco minutos, que estou cos pequechos...», responde a través da liña. Entre Peppa Pig e a Patrulla Canina escóndese un actor moi interdisciplinario que vén de triunfar no teatro xunto ao seu compañeiro Carlos Blanco en Unha noite na praia, que comeza este mes de agosto unha nova xira. Dos seus futuros proxectos está a segunda tempada de Pequeñas coincidencias, gravar algún anuncio, unha nova serie e un novo monólogo en solitario en O Meigallo, Sarria, o 4 de agosto. Un novo reto polo que está un «pouco apurado pero con ganas de pasalo ben».

-Como lle cambia a fama a alguén de Culleredo? Segues apegado ás túas raíces?

-Eu sempre, son moi de onde son. Son de Castelo, un lugar pequeno do final de Culleredo, e é o sitio onde máis feliz e a gusto estou. Outra xente necesita o barullo ou o movemento da cidade, pero eu prefiro estar tranquilo e cerca da miña terra.

-E en Galicia trátanche ben...

-É un tema de recoñecemento e de tempo, pero tamén de pertenza. O cariño que recibo de Galicia é case un orgullo, un «é dos nosos». A repercusión mediática en Galicia foi sempre maior, e fóra hai personaxes moito máis coñecidos. E está perfecto así, eh?, se queres un pouco de anonimato saes de Galicia e conséguelo.

-Como prefires que te chamen: Xosé Antonio, Touriñán, Touri...?

-Como teño tantos nomes... acabo volvéndome un pouco tolo. José Antonio son cando se enfadan comigo, miña nai de pequeno e agora a miña muller [risas]. Cara a fóra eu creo que son Touri o Touriñán, que está guay, é un pouco a marca.

-Gravaches á vez «Pequeñas coincidencias» e «Justo antes de Cristo». Con que época quedas: a romana ou a actual?

-Non podo elixir, porque me encanta este choio por iso: podo ser un romano con túnica e ao día seguinte ter que poñer uns vaqueiros e un mandil de cociña.

-E non entraches algunha vez no plató equivocado con túnica e sandalias?

-Pois seguramente [risas]. Había momentos que non sabía moi ben que pasaba, o ano pasado foi unha loucura.

-Estase a exportar o talento galego?

-Eu creo que Fariña deunos unha visibilidade tremenda. Hai xente que está comezando a traballar agora a nivel nacional e son boísimos actores. Penso que estamos de moda, un pouco en chanza e un pouco en serio. Temos que intentar estar de moda para nós, os galegos. Agora é guay ser galego e no audiovisual estase traballando para que cada un fale co acento que ten. Por exemplo coa serie Hierro, que é marabillosa, e todos os actores teñen acento canario. O andaluz, o estremeño, o acento catalán... que se note, aínda que se fale en castelán. Nós estamos de moda, así que aproveitémolo, saquemos peito, chuleémonos de onde somos, coño, que xa vai sendo hora [risas].

-E que fas para relaxarte?

-Pois quedar na casa e facer as dúas cousas que máis me gustan no mundo: comer e beber [risas]. Sentar á mesa cos amigos sen présas por ir a un bolo o por coller un avión. Poder conversar cos amigos é o mellor hobby do mundo. Iso si, se podo librarme de cociñar, mellor.

-Segues co humor no teu tempo libre?

-Non son o gracioso do meu grupo de amigos, pero si que consumo moito humor. Agora con isto das plataformas vexo humor moi distinto: acabo de ver After Life de Ricky Gervais, que me pareceu marabillosa, e vexo moitos cómicos americanos. Consumo de todo, tamén da Patrulla Canina, Peppa Pig ou El Rey León [risas]. Está moi ben porque é todo comedia para nenos e váleme moito para cousas que fago.

-Non me digas que sacas ideas da «Patrulla Canina»

-Pois mira, si, poderíase facer un monólogo sobre Peppa Pig [risas].