Espellos do caleidoscopio


Escribir, por veces, é conseguir o punto exacto desa alquimia que mestura realidade e ficción en doses acaídas. É, ou pode ser, axustar con técnica de ourive os espellos dun calidoscopio para que, tras a sorpresa inicial, poidamos volver á realidade que se nos amosa distinta, con ángulos nos que non repararamos. Isto sábeo facer Ramón Vilar Landeira con espellos que reflicten o tempo actual ou a memoria recente, sen desatender ese latexo irónico ou humorístico que proxecta sobre nós mesmos, sobre as nosas propias frustracións. Velaquí, talvez, algunhas das claves que se revelan en Un peixe no parqué: unha proposta que volve atesourar, felizmente, o que se cadra é o mellor deste autor, isto é, a facilidade para que situacións cotiás, ás veces domésticas, en ocasións mesmo triviais, sexan quen de provocar certo desasosego, pois no fondo todas elas convidan a cuestionármonos o porqué das cousas.

Cuestións xenéricas á parte, isto é, considerémolo libro de relatos ou novela, mesmo novela constituída por un feixe de relatos, o substantivo é que nestas páxinas agroma con recorrencia esa atmosfera peculiar e distintiva que é marca do autor e en tantas ocasións levados pola insatisfacción que os personaxes manifestan coa súa propia vida e que os conduce a debater entre a asumir a desesperanza ou fuxir cara adiante.

Vilar interpreta, ou convida a interpretar, o que está pero que ás veces non se lle concede importancia: silencios, acenos, reaccións, frustracións, preguntas sobre a propia vida que quedan cimbrando no aire para dirixir unha ollada certeira, coma quen non quere a cousa, cara a motivos como o paso do tempo, introducíndonos na zona máis escura que por veces proxecta a propia condición humana ou interrogándonos sobre a esperanza que acompaña os camiños incertos diante do que está por vir, do que descoñecemos; tamén diante da morte como punto e final, por veces tan absurda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Espellos do caleidoscopio