«Reivindico a existencia dunha liberdade musical»

Convertido en símbolo da música celta en todo o mundo, Carlos Núñez volve á casa e tocará este sábado no Parador de Baiona


Dun xeito trivial, cunha facilidade propia dos xenios, Carlos Núñez sempre adoita achar unha serie de claves e afirmacións nas entrevistas. Crítico co sistema, defensor do seu, ou, por que non, do noso; continúa a avisar da falta de programación autonómica e local da música celta e tradicional, da ausencia de sons autóctonos nas vilas, e lembra que este verán, de novo, volverá a percorrer Galicia na procura de lugares máxicos onde os instrumentos soan diferentes e as melodías adquiren unha beleza singular. Un castro, un parador, un castelo medieval...

-Este verán volverá ter unha chea de datas pola terra. Toma esta volta ao fogar como unhas vacacións paisaxísticas?

-Pois si, moi probablemente é un regalo estar aquí de novo, volver conectar coa túa terra. Estes concertos que teño por diante son como un acto de amor polo país. Son concertos especiais, íntimos, recollidos, organizados por nós... Están fóra doutros círculos convencionais. Levaba toda a vida querendo levar a miña música a estes lugares máxicos. Non sempre toca un nun parque arqueolóxico, diante dos petróglifos, esa rock art que deixaron os nosos devanceiros. Sentir a tradición dos templos. O sistema convencional non permite isto.

­-Amósase sempre moi crítico co funcionamento da industria cultural e musical en Galicia. Ten certo ton reivindicativo esta xira de verán?

-É que a música está a ser controlada dunha maneira obsesiva cos cartos públicos. É algo tremendo. Nos últimos dous anos entre o Monte do Gozo e Castrelos fóronse millóns de euros de cartos públicos en contratacións, en cachés enteiros. Case todo en grupos de pop e rock foráneos. É como se mercamos toneladas de viño francés e comezamos a regalarllo á xente. Que pasaría co albariño? E co ribeiro? Esa é a situación da música do noso país. Claro que hai que reivindicar, e eu reivindico a existencia dun turismo cultural e de liberdade para a música. Non pode ser controlada polo poder. A música debe sosterse co lexítimo apoio do público.

­-Iso é interesante. Escoitamos, en moitas ocasións, que certas músicas non venden, que a música galega non ten tanto tirón... E vostede, por exemplo, é a proba de que pode, un día si e outro tamén, encher os recintos onde toca.

-O ano pasado, en Galicia, vendemos 10.000 entradas. E non tocamos tantísimo na nosa terra. Na provincia de Ourense, no Ourense interior, definido por un xornal de tirada nacional como o paradigma da España abandonada, logramos vender un número equivalente a encher tres veces o auditorio Mar de Vigo. Si, hai outro xeito de levar a música á xente sen gastar millóns de euros das arcas públicas. Puxen os exemplos que puxen porque son ben visibles. Por que levamos a música a lugares de cemento? Se temos cinco mil castros!

-No caso, por exemplo, de Campo Lameiro, canta inspiración pode un respirar entre petróglifos?

-É algo súper interesante. Cando fixen o meu libro A irmandade dos celtas os arqueólogos ensináronme moitísimas cousas. Unha desas aprendizaxes foi un concepto histórico, ese que di que a historia non está fragmentada tal e como nos contan ou estudamos: Barroco, Renacemento..., senón que na tradición esa separación non existe, xa que podemos atopar un paisano que traballa a terra con tecnoloxía da Idade do Ferro, pero cunha ferramenta da Idade do Bronce. Esta romaría? Pois vén da cultura indoeuropea... É fascinante ver como conviven as épocas. Por iso é interesante poder combinarnos coa música do pasado e do presente.

-Este ano, ademais, tamén é un ano de celebración: fai trinta anos traballando con The Chieftains.

-Pois si, é un aniversario bonito. Celebramos tres décadas xuntos, de colaboracións e de música. Celábromolo nos xardíns do Botánico, en Madrid, e nos xardíns de Pedralbes, en Barcelona. Foi algo marabilloso ver a tantos milleiros de persoas acudindo a celebralo. Volvín de alí cunha sensación de que a xuventude madrileña está a cambiar, xa non quere escaparates, non quere marcas, están de volta da sedución da cidade e queren natureza. Queren ir de romaría os domingos pola mañá e coñecer produtos tradicionais. Non queren botellón. Galicia podería ensinarlles moito, podería ser líder desa tendencia de ocio e cultura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Reivindico a existencia dunha liberdade musical»