Budiño: «Sempre tiven na mente levar a actitude do pop á miña música»

«Fulgor» é unha das grandes sorpresas deste 2019. A reinvención do músico de Moaña -que agora canta- sitúao nun terreo que vai máis alá dos sons tradicionais. 


Antes da edición de Fulgor (2019), Xosé Manuel Budiño levaba seis anos sen lanzar material novo. Nese tempo a súa música transformouse completamente ata facela irrecoñecible. Por exemplo, pasou de ser case totalmente instrumental a amosar pezas cantadas. «Eu compoñía para outros, facendo borradores. Foron colaboracións para Luís Tosar ou Xoel López. A xente animábame a dar o paso e intenteino. Cambiei un instrumento por outro, en lugar dunha gaita está a miña voz», explica. É tan só unha das notas deste novo e sorprendente Budiño que mañá sábado 29 presenta en Ourense (Praza Maior, 22.30 horas, entrada libre).

-Entenderá que é rechamante que deixe a gaita a un lado e faga un disco de pop como pode ser un de Xoel López ou Vetusta Morla.

-É curioso, porque eu empecei sendo un namorado do pop e do rock, ao tempo que da música tradicional. Os meus primeiros concertos foron de rock. Eu eduqueime cos Beatles, Cream ou The Police. Sempre tiven na mente levar a actitude do pop e do rock á miña música.

-É un disco de pop que non é tan pop. Concorda que é enganosamente accesible, que necesita varias escoitas?

-É probable. Cando eu fixen as cancións pensaba en que as tiña que interpretar logo en directo. Non son un artista que teña 20 anos de cancións así é que a xente ía querer escoitar dúas ou tres do último disco, senón que eu vou ter que tocar todo o álbum. A pregunta sempre era: ti veste cantando isto enriba dun escenario? Si ou non? Ese era un criterio.

-Parece que a súa voz está aínda amosando a cabeza. Foi difícil atopala?

-Claro. Cal é a miña voz? Como vou defender iso? Cheguei á conclusión de que tiña que ser algo natural e sen forzar nada e que logo prendese nos directos. Xa está pasando. Gózoo moito.

-O disco ten un punto balsámico, moi de inmersión e de facer unha paréntese.

-Quería fuxir do eclecticismo. A min gústanme tantas músicas diferentes que, ás veces, iso é un problema. Aquí quixen facer unha obra máis conceptual. Ten un punto moi onírico, dos soños, e é moi tranqui. Pero en directo cambia moito, porque hai unha banda moi contundente comigo. Tanto Fran Sanz, que gravou os baixos, como Ton Risco, que fixo a batería, están na banda. Logo todas as guitarras do disco deféndeas Brais Morán. É encantador tocar con el. Ademais todas esas partes de sintes e electrónica fainas Álex Salgueiro, que leva teclados analóxicos e pedais de guitarra. O disco respectarase, pero con outro punto de enerxía.

-Eu, con todo, percibo certo eclecticismo dentro da unidade do disco. Pasamos da bruma galega ao clima tropical de América do Sur. Non o ve así?

-Si, dás no cravo. Intentaba buscar unha obra conceptual, pero aparecen esas partes. Por exemplo, sae Frida, na que Jairo [Depedro] gravou as guitarras. El é un namorado da música mexicana. E eu na canción falo das miñas viaxes a México, das rúas, da comida, as pirámides, do museo de Frida Kahlo, e necesitaba ese punto.

-Existen moitas localizacións no disco, citando lugares concretos, o que lle dá un punto narrativo especial.

-Estiven en tantos sitios, desde o Líbano, Siria, Damasco, toda Europa, Canadá, a Arxentina, Colombia, México... Todo iso son diferentes cores para escoller. É imposible non facelo.

-Fala con moito entusiasmo dos músicos que o acompañaban. Neste momento Budiño é unha banda de rock and roll?

-[Ri] Pois non sei que somos neste momento, pero si que pensamos esa opción. Eu empecei hai moitos anos tocando en salas pequenas, pero dei o salto aos escenarios grandes moi rápido. Agora tiven a necesidade de volver ás salas, que o boca a boca funcione e que a xente cante as miñas cancións, como lle ocorreu a Jairo ou Xoel. Eu notaba esa falta. Xa fixemos seis concertos en salas. Ves que a xente coñece as cancións e é marabilloso.

-E que as canta, algo inédito para vostede.

-Dicía a miña amiga Vega que o mellor ía ser cando dese un concerto e a xente cantase. Non me pasou na vida e trátase de algo realmente impresionante!

-Teño a sospeita de que unha escoita a cegas de «Fulgor» pode levar a un oínte a outro lugar moi diferente de Budiño. Romperá os esquemas a máis dun?

-Eu espero que si. Empezamos a ter o feedback da xente que o escoitou. Mesmo da xente que está na música tradicional. Porque tamén estaba a dúbida de qué ía pasar coa xente que me seguía antes. Pois a resposta é superpositiva, porque á xente encántalle e entende a evolución e a valentía de cantar porque si.

-Vostede, que é moi amigo de Xoel López, pensa que «Fulgor» pode ser o seu «Atlántico» particular? Hai sensación de punto e á parte, hai influencias dos dous lados do océano e hai moita valentía artística.

-Buf... É que con Atlántico xa falamos dunha obra mestra. Coñezo a xente con moita sona que en privado di que algún día lle gustaría facer un Atlántico. Coidado. É un traballo que hai que ter sempre aí, nun pequeno altar. Recordo escoitalo no coche cando saíu e ter que parar dicindo: «É que isto é realmente marabilloso». Tiven que escribirlle a Xoel para dicirlle que aínda era mellor do que esperaba. Teño moita relación con el e ese disco é algo brutal. Non sei se isto responde á túa pregunta, pero prefiro non dar una resposta diferente, porque Atlántico é algo moi grande, palabras maiores. Xa me gustaría a min.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Budiño: «Sempre tiven na mente levar a actitude do pop á miña música»