De Vacas: «Gravar un tema con Enrique Iglesias é a nosa motivación na vida»

O cuarteto bota a andar mañá a súa xira «Vacanal». Como o seu propio nome indica...


Non teñen disco nin vontade de gravalo. Tampouco as súas cancións están nas plataformas de streaming. Pero fártanse de tocar e arrasan alá por onde van. O ano pasado petárono con Amodiño e este ano repiten hit por partida dobre. Con Rexurdimente, un tributo a Rosalía, tamén á nosa. E coa, cando menos, turbadora adaptación de El anillo pa cuando. Mañá arrancan xira. Vacanal se titula. Así, a lo loco! A cita con elas é ao remate dun dos seus últimos ensaios.

­-Como é un ensaio de De vacas?

-Pois moi serios non son. A dinámica é sempre parecida: grandes almorzos, brainstorming de ideas, tunning literario e musical... Para nós o máis complicado é buscar repertorio. Despois, levar as cancións ao noso terreo xa é máis levadeiro.

­-Queredes falar de algo e buscades unha canción ou a canción que decidides versionar lévabos a falar dun tema?

-Hai de todo. Rexurdimente, por exemplo, foi un tema que xorde a partir da canción de Rosalía. É unha homenaxe a Rosalía dende Rosalía. Con El anillo pa cuando si que tiñamos claro que queríamos contar.

­-Fixéchedelo por primeira vez cantando en castelán. Por que?

-Para que o entendese ben toda España [rin]. Desta volta non poderán dicir que non o entenden, que vai ben explícito.

­-E tan explícito. Un dos comentarios do vídeo que tedes en YouTube di: «La letra me perturba bastante... Es muy gráfica. No necesitaba tanta información».

-[Botan a rir de novo] Sempre nos alegra moito saber que perturbamos. De feito esta foi unha das letras que a nós tamén nos perturbaron máis tempo. Cando escoitamos o tema de Jennifer López foi como unha labazada. Dixemos: «Diosss, hai que facer algo». E o primeiro que nos saíu, antes ca letra, foi a coreografía do anel e o dedo.

­-Non é a primeira vez que lle dades a volta ao machismo da letra dunha canción de éxito. Diversión? Compromiso?

-Hai de todo. Por desgraza o machismo asoma entre liñas en case todos os temas que escoitamos na radio. De feito El anillo pa cuando, como a canta Jennifer, é tan dura que deixamos tal cal a primeira estrofa. Despois xa nos metemos no papel, levantamos o dedo e a desfrutar.

­-Cústanos aínda asumir que tres mulleres falen de sexualidade explicitamente?

-A maior parte da música que escoitamos está moi sexualizada. Obviar esa realidade non ten sen sentido. A nosa estratexia é darlle a volta. Pero si... Sempre dicimos que Guille é o que máis liga no grupo. Nós as tres non ligamos nada. Chegamos á conclusión de que nos teñen medo porque dicimos as cousas así, clara e abertamente. Pero bueno... fai moita falta que nos quitemos tabús de enriba.

­-E ti, Guille, como o levas? Calado?

-Mira, cando ti vas a un programa de humor non podes competir co presentador, non podes pretender ser máis simpático que el. A min con estas mozas pásame algo parecido. Son tan brillantes no seu discurso que é mellor ser discreto e evitar comparacións.

-«Con alas ou sen alas vou voar», dicides en «Son eu». Cara a onde?

-A gravar un tema con Enrique Iglesias. Esa é a nosa motivación na vida. E coñecer a Marta Sánchez, colaborar con ela e que lle poña letra ao himno galego.

-Na xira que mañá comeza xa tedes varios concertos no sur de España e no Levante. Como credes que seredes recibidas?

-Temos tocado en Asturias e en Madrid e resultou moi ben. Temos que facer un pequeno esforzo co tema retranqueiro, pero non temos que traducir nada. Podemos cantar perfectamente en galego.

-Teñen algo que ver eses novos destinos co salto ao castelán?

-El anillo pa cuando fixémolo en castelán tamén cun pouco de ironía. Hai cancións que cantamos en rumano, outras en wachimei coreano, en wachimei inglés... E o anel saíunos en castelán. Pretendemos que o galego sexa unha lingua normalizada e iso conleva que poidamos cantar en castelán sen ningún tipo de problemas.

-Algún grupo ou artista ao que non vos atreveriades a meterlle man?

-Poucos se nos resisten. Mesmo a aqueles aos que lles temos moito respecto, como Guadi Galego, tamén cae. Polo de agora se alguén se nos resiste é porque non se nos pasou pola cabeza.

-E o de facer algún tema 100 % propio?

-Pois mira, estamos niso. Este sábado estrearemos un, que ademais ten pretensión de ser canción do verán. Titúlase Tetas ao ar, María del Mar.

  • A CORUÑA TEATRO COLÓN, SÁBADO 4, 20.30, 8 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

De Vacas: «Gravar un tema con Enrique Iglesias é a nosa motivación na vida»