«Quero enviarlle o libro a Wes Anderson nunha maletiña»

A ilustradora arousá somérxenos no universo do creador de «O Gran Hotel Budapest»


Era coñecida en Galicia polas súas ilustracións, pero agora Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982) dá o salto á escrita. Firma os textos e as imaxes de El Gran Hotel Wes Anderson. Un libro ilustrado co que entra pola porta grande do panorama editorial español. Antes de que remate o ano, os seus debuxos encherán de cor outros catro títulos. Pasamos pola recepción do seu estudio en Santiago para mergullarnos no mundo do cineasta norteamericano.

os hóspedes do cineasta

Nuria Díaz visionou os títulos de Wes Anderson unha e outra vez. Descubriu as razóns do proceso creativo do realizador. Comezamos a visita polo percorrido de cine que nos propón a escritora.

­-Acaba de recibir unha boa nova: segunda edición xa nas librarías!

-Está moi ben! ­Chegoume moito feedback dos lectores. Estiven tanto tempo traballando no libro que ao comezo foi raro velo viaxando polo mundo.

­-Por que Anderson?

-As cores, as composicións, as simetrías, os cenitais, os zooms… se hai un director cun estilo marcado, ese é el.

­-O libro marca un punto e á parte?

-Publicara cousas a nivel nacional, ilustracións para outras obras, pero esta é a primeira da que son tamén autora.

­-Foi un reto escribir?

-Ao ver o papel en branco, sentín que non ía ser capaz. «Como vou bordar isto?»', pensaba. E comecei a debuxar. Non é un tratado cinematográfico. Máis ben, é unha guía. Un hotel de 200 páxinas ilustradas onde cada cuarto achega claves do estilo, dos referentes, da vida de Wes Anderson.

­-Por que hai que contar a súa biografía?

-É importante saber de onde vén, que lle gusta. Por exemplo, moitos pensaban que era europeo polo seu cine, pero é estadounidense e, por riba, texano!

­-Como xurdiu a relación con Planeta?

-Coñecín ao editor de Lunwerg, un selo de Planeta, nun festival de ilustración no 2014. Ensineille o portafolio, cuns debuxos de Moonrise Kingdom, de Anderson. Por algún motivo, considerou que era a persoa que podía afrontar este proxecto. Dixo que os nosos estilos casaban ben. O certo é que non me custou excesivamente traspasar o universo visual do realizador.

-Anderson é o director perfecto para un libro ilustrado. Imposible soltalo cando o tes nas mans.

-E en España non había ningún libro así sobre el! Si tributos que reinterpretan o estilo ou se centran nunha peli. Pero ningún no que se contase quen é e que fai. Hai unha chamada de atención: «Que hai alguén detrás diso que estás vendo!».

­-O título é unha homenaxe a «O Gran Hotel Budapest»?

-A todas as historias do cineasta. Os hoteis son edificios que están constantemente na súa filmografía. O libro segue esa liña conceptual. Wes Anderson constrúe as películas con planos que semella que están dentro doutros planos.

-Moitos din que é un autor superficial.

-Non o vexo así. As súas pelis teñen un fondo importante. Son, tamén, autobiográficas. Tivo unha infancia difícil. Os personaxes tímidos e as familias desestruturadas son unha constante no seu cine. Se te somerxes, atopas chicha [sorrí].

-Sabe se Anderson xa o ten?

-Conseguín unha dirección para enviarllo, pero iso é un proxecto en si mesmo. Non o pode recibir de calquera xeito! Estou pensando en metelo nunha maletiña…

«El Gran Hotel Wes Anderson»

Nuría Díaz

Lunwerg Editores

Páxinas 200

Prezo 22,50

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Quero enviarlle o libro a Wes Anderson nunha maletiña»