A poesía de Cesáreo ten olor a napalm

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

EDUARDO PEREZ

Fan, xustamente, corenta anos desde que Cesáreo Sánchez Iglesias publicara o seu primeiro libro, titulado Silencios e conversas de inverno. Desde aquel, ata o presente «As bolboretas do Mekong», subtitulado «Caderno de Indochina», a súa voz mantívose firme, con lóxicas e diversas modulacións, adquirindo sempre novas irisacións, como unha presenza constante espellada en dezaoito libros. Penso que non está de máis recordalo.

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que hoxe nos ocupa dialoga, se se quere, máis intimamente co Caderno do Nilo (premio Losada Diéguez de Creación Literaria no ano 2014) no que ten que ver coa dinámica que fixo agromar a ambos os dous, isto é, entender a premisa da viaxe como descuberta, experiencia e estratexia de aprendizaxe, vital e literaria. Talvez con As bolboretas do Mekong poida que se ensanchen as fronteiras que inspiraron ao primeiro ao deitarse neste non só aquela materia que se enlaza co coñecemento de novos horizontes. Hai nestas páxinas, construídas a lume lento ao longo de oito anos, algo que vai alén do universo desvelado de Indochina, pois circula por elas unha reflexión sobre o propio paso do tempo, tamén sobre aquilo dos enfrontamentos e dos xenocidios, rescatados do fardel da memoria, pois é esta, dalgún xeito, a substancia nutricia de todo o libro. Memoria conservada, a do poeta, de todo aquilo acontecido ás beiras do río Mekong, esas terras de Camboxa e o Vietnam que son na realidade un símbolo, ateigadas desas bolboretas que, segundo a mitoloxía, son as almas dos guerreiros mortos, en todo tempo, en toda a historia.

A memoria serpea, pois, avanza e recúa, e de aí nace un libro fortemente narrativo onde non se perde o fío dunha sorte de diario da viaxe, onde o confesional se irmanda coa dor das cicatrices que os seres humanos foron deixando aquí e acolá. Con todo, canda os poemas, aspiramos recendos, percibimos o fedor do napalm, sentimos a calor abafante ou a humidade pegañenta, mesmo o son dunha doce melodía ao fondo: velaí a transparencia que consegue Cesáreo S. Iglesias nestes poemas que, no fondo, non deixan de ser unha reflexión prístina, brillante e efectiva, sobre o desposuimento do que nos fai humanos, malia que aló no fondo asome unha luz de esperanza.