O concerto que conseguirá xuntar a dous celtas históricos

Carlos Núñez e Alan Stivell unen forzas para tocar sobre un mesmo escenario por primeira vez en Galicia. Unha idea de por si máxica, pero que se verá reforzada grazas a un repertorio único e ao uso duns instrumentos clave dentro da historia propia da comunidade galega. O pasado farase presente


Falar con Carlos Núñez é un exercicio de aprendizaxe modélico. Ao outro lado do teléfono sitúase unha voz que conta de maneira apaixonada un relato tan especial como é falar do pasado musical da comunidade galega. Un exercicio de enorme interese plasmado agora en formato libro grazas ao primeiro libro do gaiteiro vigués, A irmandade dos celtas. Un percorrido vital do que somos grazas a música, e analizado dende múltiples perspectivas: histórica, cultural, social...

E para celebrar o seu éxito (xa vai pola cuarta edición), que mellor que tocalo, que darlle melodía, e que mellor escenario que Galicia. Núñez volta tocar na súa casa, e farao cun elenco de primeira división: Amy Eckersley, voz e violín; Jon Pilaztke, violín e baile; Ciara Taaffe, arpa celta; e Yoann Le Goff, gaita escocesa. Pero hai alguén máis, un invitado de luxo, un celta de raíz. Ao carón do artista galego estará Alan Stivell, o cantautor e arpista francés, coñecido internacionalmente por coroarse como un dos maiores precursores e investigadores da música celta. Para Núñez a cousa está clara: «Vai ser algo histórico».

«Os concertos de Carlos son moi fermosos, moi bos, sen a miña presenza. Espero e tendo a crer que a miña chegada como convidado, mesmo se é para unha participación curta, recibirá unha cálida benvida como a que recibimos xuntos en Francia ou recentemente en Alemaña. Creo que será máis que simbólico», explica Stivell. «Cada encontro con Carlos é un elixir, un verdadeiro impulso vital, onde se mesturan unha gran amizade persoal e unha gran converxencia artística».

Non será a única sorpresa da noite. Os instrumentos do pórtico da Gloria tamén estarán presentes na noite coruñesa. «Cando a xente escoite a Stivell tocar unha destas pezas vai alucinar. É un son completamente contemporáneo. As música célticas, como as medievais, pertencen a unha teoría de música anterior aos sistemas que hoxe adoitamos utilizar de acordes maiores, menores, etcétera... Estas músicas veñen dun sistema anterior, e conectan todo o mundo dos antigos bardos e as músicas anglosaxonas que hoxe consumimos», relata o gaiteiro vigués.

AMIGOS

Amigos dende hai anos, Carlos Núñez e Alan Stivell representan dúas caras da música celta. Conta o bretón daquel encontro que Carlos era moi novo, que non coñecera aínda o comezo da onda celta, pero que o entusiasmo do músico galego era moi similar ao seu, algo que o fixo enormemente feliz naquel momento. Finalmente, Galicia, A Coruña, poderá velos xuntos ao fin nun escenario. Non é a primeira vez para ambos, pero si o será para esta comunidade.

Aínda hai oco para máis. Durante o espectáculo interpretaranse cancións do manuscrito Robert ap Huw, a única música coñecida a día de hoxe, transcrita no século XVI, e que provén dos antigos bardos celtas. Pero é máis antiga, chegando a facer referencias ás lendas artúricas. Pura maxia.

Carlos Núñez e Alan Stivell, dous celtas que unen forzas entre arpas, violíns e gaitas. Un escenario sobre o que levalo a cabo, e a cidade herculina de testemuña. Algo «histórico» si que é.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O concerto que conseguirá xuntar a dous celtas históricos