Nao: «Fomos felices coa nosa tribo»

FUGAS

cedida

A banda máis en forma da escena galega despídese cun disco e unha xira dun ano de duración que percorrerá todo o país. O mércores, 5 de decembro, actúan ás 21.30. na sala capitol de Santiago

05 dic 2018 . Actualizado a las 12:21 h.

Coidado, porque de éxito e coherencia tamén pode un morrer. Cando no 2015 os catro de Nao anunciaron que poñerían fin á banda máis en forma de cantas poboan a escena musical en Galicia, moitos pensaron que aínda había cancha para unha rectificación. Ao cabo, Jasper, Gus, Antón Torroncho e Amós Varela non falaran dunha data de remate. Pois ben, ese tramo derradeiro xa está aquí. Nao vén de lanzar o peche da súa última triloxía, un Ata Que O Lume Se Apague que, non por casualidade, foi presentado o 20N. O álbum ábrese cun tema abondo explícito, Franco Resurrection, unha gozada coreada por Cantigas e Agarimos, como para precisar máis explicación. O mércores comeza unha xira que os levará por todos os recunchos do país, con incursións no País Vasco e Portugal e probable aterraxe, de novo en Compostela, logo dun ano. Este lume arderá unha vez máis para que, a partir de aí, o grupo pase a ocupar o seu lugar entre as lembranzas e o peito do persoal.

Comprender o porqué require unha conversa con Jasper, voz e guitarra da banda. «Un grupo que non morda a lingua, que faga metal e toque en festivais aos que nunca nos terían invitado, que xire por fóra cantando en galego e reciba cobertura mesmo de medios que non comparten a nosa visión, ver que é a forza da xente a que empurra Nao, todo iso era un soño cumprido. E miramos o futuro e tememos que ese listón non se puidese manter, así que por coherencia co noso nivel de esixencia e compromiso decidimos poñer punto final». As cousas adoitan non ser nunca tan sinxelas como un as imaxina. E ocorre que dende entón Nao seguiu crecendo. «E isto segue a medrar, así que imos dar un máximo empurrón e tirar do barco ata que rebente».

O concerto do mércores promete emocións intensas. Escenografía, por vez primeira, programacións, ventos, acordeón, unha nutrida nómina de colaboracións e, sobre todo, case dúas horas de música nas que Nao interpretará ao completo o seu último disco, ademais dos éxitos que o grupo foi coleccionando dende o 2005.

Atrás quedan sete traballos nos que o seu son, cru e próximo ao rap metal, foi evolucionando para se facer máis denso, complexo e compacto, perdendo prexuízos e pulindo un estilo inconfundible. Ata que o lume, gravado con Iago Pico e con pinceladas de Kaki Arkarazo dende o seu estudio, Garate, pecha o círculo. «Recuperamos a esencia da nosa cana, se é que algunha vez baixamos o pistón». O compromiso co país e a lingua, ese carácter contestatario, ese propósito «de lle subir a autoestima ao pobo galego, que a temos moi baixa de serie», seguen intactos. «Nao sepárase, pero o amor e o que construímos co público nunca se disolverán». Se hai un legado, se hai unha herdanza, «é que hai que manter a loita con constancia e sempre ter esperanza. Ao cabo, xa o dicimos no derradeiro tema, fomos felices recoñecéndonos na nosa tribo». Lume, pois. Que arda todo.