Pulido en imaxes e palabras

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

CAPOTILLO

Velaquí un libro coral, interxeracional -o que de seu é significativo- e que dialoga co anterior desde as instancias dos afectos e a admiración

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis de tres anos ocupábame nestas mesmas páxinas do libro Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa que, por mor da concesión do premio Trasalba ao artista ourensán, percorría con xustiza e acerto a súa biografía e mais a súa obra. Este Homenaxe a Antón Pulido, en palabras moi acertadas de Avelino Muleiro, director da revista Ágora do Orcellón, que con este monográfico chega á súa trixésimo cuarta entrega, defínese como unha «imaxinaría panóptica pinacoteca» construída por sesenta e catro voces que afondan «nas intimidades, o perfil e a personalidade en constante crecemento deste artista de mirada múltiple». En efecto, velaquí un gran libro que, desde dentro, desde esa ollada situada nun único punto erixido polos xuízos, as valoracións e as palabras, en suma, posibilita descubrir ou redescubrir a personalidade, as dimensións humanas e profesionais dun artista único como é Antón Pulido, a carón dun extenso corpus conformado polas intervencións artísticas do pintor desde os seus inicios ata a actualidade, xunto con outros documentos fotográficos. Esta confluencia de voces non sei se esgota todo o que hai que dicir ou se pode dicir do artista -probablemente non- mais si é, en certa maneira, un corolario, se se quere unha crestomatía vital que un grupo de amigas e amigos lle tributan, pois quen dubida que a súa traxectoria o esixe e o merece. Non oculta esta publicación esa vontade de recoñecemento: tributo, por un lado, a un traballo artístico senlleiro que, felizmente, aínda está en progreso, e, por outro, a todo aquilo que se instala na vontade de abrazar o ser humano, ese ser humano sempre optimista e sempre xeneroso. Unha vez díxome dúas cousas que lembro sempre: a sorte hai que saír buscala e, falando da felicidade, que o realmente importante era sempre que as esperanzas se adecúen ás posibilidades. Pulido di estas cousas coma se fose un filósofo socrático, sen darse importancia, e talvez por todo o que el sabe sexa quen de pintar as palabras e as ideas, as emocións e o sentimentos, como ninguén o fai. Este libro ten o mérito de lembrárnolo.