Ler para habitar o mundo

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

cedida

Este libro de Michèle Petit é necesario nun tempo en que o que se procura tantas veces é a rendibilidade máis absoluta, nunha época de mutacións que se producen no ámbito dixital da lectura.

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai libros dos que resulta difícil ir máis alá de recomendar, fervorosamente, a súa lectura. Que o lean pais e nais, que o lean as persoas que traballan nas bibliotecas e no ámbito da mediación; que o lean discentes e docentes, tamén quen gusta de ler e quen non gusta de ler mais, de cando en vez, petisca aquí e acolá nalgún libro, e mesmo estou certo que ás persoas que escriben tamén ten cousas de valor que comunicar, pois é un libro que axuda a repensar moitos lugares comúns. Afirmo isto desde a asunción de que o xénero ensaístico non é, precisamente, de masas, mais Petit reviste con pericia todo aquilo que ten que dicir cunha prosa sinxela, áxil, inzada de exemplos significativos e, sobre todo, suxire un fío que é esa insinuación latente de novos camiños a seguir.

Probablemente ninguén mellor ca Petit para escribir un libro coma este Ler o mundo. Experiencias de transmisión cultural de hoxe, traducido con excelencia por Fernando Moreiras.

Hai moito nel da delongada experiencia profesional dunha autora, antropóloga de profesión, que conta cunha longuísima experiencia nos estudos vinculados coa lectura e coa relación entre a mocidade e os libros, e tamén -algo moi palpable en todo o libro- con avances na investigación sobre a lectura en medios rurais e o papel das bibliotecas públicas en contextos de exclusión.

De todo o anterior fálase neste libro, hibridando reflexións tiradas de experiencias vividas cunha vizosa conversa con outras voces especialistas e con tantos e tantos libros.

Ler o mundo explica, e convence con argumentos ao meu xuízo irrebatibles, a relevancia que ten a literatura, oral e escrita, a carón doutras dimensións artísticas para «habitar o mundo».

Un libro atestado de preguntas que non son retóricas e ás que dalgún xeito se lle dan resposta, como son «Para que serve ler?», «Como transmitir o pracer da lectura?» ou «Cales son as estratexias para transmitir o gusto pola lectura e polas prácticas culturais?», entre outras moitas, sempre desde a defensa irrenunciable das humanidades como elemento clave na formación das persoas. Ler este libro, e talvez non sexa unha metáfora, é iniciar unha importante travesía da que, estou certo, ninguén retorna como a comezou.