O derradeiro heroe da escultura

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

Aser Álvarez presenta un proxecto ambicioso, como foi o de acompañar a Leiro, cámara en man, ao longo de tres anos polas súas ocupacións cotiás en espazos que van desde o seu Cambados natal ata Nova York

30 sep 2018 . Actualizado a las 00:03 h.

Aser Álvarez, que conseguira o Mestre Mateo ao mellor documental por 100 % CEF, unha biografía audiovisual de Celso Emilio Ferreiro, achéganos unha publicación que, alén de ofrecer un documental sobre o que o editor denomina «os traballos e os días» de Francisco Leiro, contén unha memoria do mundo cotián de Leiro a través de fotografías e textos que non ten como obxectivo, nesta ocasión, ofrecer un retrato biográfico deste artista internacional cambadés, responsable de obras icónicas en tantas vilas e cidades, galegas ou non.

Impresiona asistir aos traballos de Leiro que atesoura esta publicación e mais sentir esa forza, case telúrica, que aplica ao seu traballo artístico e que conxuga cun talento sen parangón, recoñecido internacionalmente, traballe a madeira, a pedra, o mármore ou o bronce. Percíbese neste libro, e asemade no documental, dun xeito moi diáfano, esa atmosfera, esa intensidade arrebatadora que rodea o acto da creación, mais tamén a inquedanza diante dunha nova exposición como a chamada Purgatorio en Madrid, alén de transmitir con limpeza e emoción a relevancia da que gozan as mans do artista no proceso artístico, a ollada, a tensión corporal ou os obxectos e ferramentas que emprega...; mesmo non se esquece subliñar a importancia que posúen as persoas que interveñen nese momento único e irrepetible cando a madeira, a pedra, o mármore ou o bronce xa son outra cousa, e que ben se amosa, por exemplo, coa creación da peza Ébola, desde a escolla do material inicial ata o resultado final da escultura. Recomendo este Sísifo confuso: contribúe de maneira salientable a non esquecer a presenza dun artista contemporáneo que foi definido polo escultor vasco Txomin Badiola como «supervivente dunha etapa heroica da escultura».

AUTOR

ASER ÁLVAREZ

EDITORIAL

ARRAIANOS E DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

48 PÁXINAS + DVD

15 EUROS

AUTOR

ASER ÁLVAREZ

EDITORIAL

ARRAIANOS E DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

48 PÁXINAS + DVD

15 EUROS