Stefan Zweig tira de talento

La Voz

FUGAS

cedida

Considerado un clásico da literatura europea e editado orixinalmente no ano 1927, o escritor austríaco segue a sorprender tantos anos despois pola exhibición, en ocasións fascinante, que fai do seu talento narrativo

07 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Stefan Zweig (Viena, 1881-Petrópolis, 1942) escribiu unha nota, antes de suicidarse coa súa esposa Lotte, na que lle desexaba aos seus que puidesen ver o amencer da longa noite porque el, impaciente de máis, xa marchaba. Non resulta nada estraño nunha persoa zarandeada por unha vida intensa e cosmopolita que abrazou, sempre, sólidas conviccións pacifistas e tolerantes. Algo disto se deixa ver nestes Momentos estelares da humanidade, traídos ao galego da man de Laureano Araujo, cando na derradeira destas chamadas «miniaturas históricas», concretamente na que se centra no labor que o presidente norteamericano Wilson levou a cabo para concluír un acordo de paz na Primeira Guerra Mundial, apunta profeticamente que «a deslealdade causa deslealdade, a violencia xera violencia».

A fórmula que emprega Zweig é sinxela: velaquí catorce momentos en que a decisión de alguén cambiou ou modificou os ventos da historia.

E faino nese gume que mestura ficción e realidade, ou cando menos unha realidade en aparencia verosímil e certeira, onde un non sabe se o máis relevante é o que conta ou, se cadra, como o conta, pois non é doado moverse cunha habilidade tal que revela unha capacidade fabulosa para reconstruír espazos e atmosferas diversas, mais tamén para reflectir comportamentos conmovedores da propia condición humana, sempre atento ás traxedias nas vidas e nos pobos que fai repousar nos avatares e decisións puntuais de figuras tan diversas como Tolstoi, Dostoievski, Cicerón ou Lenin, e noutras moito máis esquecidas como as de J.A. Suter, que perdeu California pola febre do ouro ou as de Cyrus W. Field, que comunicou con cable telegráfico América con Europa.

Vidas, en fin, nas que sempre hai luces e sombras e que o autor nunca oculta, e que visitan acontecementos históricos desde outro punto de vista.

O propio Stefan Zweig, non dubido que sen pretendelo, fecunda o espírito desde libro: «Unha obra de arte pode ser esquecida pola súa época, pode ser prohibida e introducida nun cadaleito, pero a esencia sempre consegue imporse vitoriosa ao efémero».