Margaret Atwood, a raíña da distopía

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

Deddeda Stemler

Que a autora de «O conto da criada» é unha enorme escritora é unha evidencia palmaria. Neste caso, baixo o disfrace dunha nova narración distópica, en aparencia caótica, que vai de atrás a adiante sen cesar

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxinen que un volcán do Atlántico entra en erupción e provoca un desastre de tal magnitude que a vida, tal e como a coñecemos, cambia de vez. Imaxinen tamén que, nun tempo relativamente próximo, esas dúbidas e incertezas que albergamos sobre a manipulación xenética, a alta tecnificación e os avances médicos nas mans dunha oligarquía que só mira polo proveito propio precisa potenciar unha carreira consumista sen límites. Imaxinen un mundo en ruínas, o resultado dun experimento sen control, poboado por un náufrago, un supervivente dun cataclismo provocado por unha praga mortífera calculada. Este, dalgún xeito, é o deseño do que parte Oryx e Crake, de Margaret Atwood. Ese supervivente é quen nos conduce polo mundo en que vive rexido pola lei da supervivencia e pola bagaxe dos seus recordos. Dese pasado, desas areas movedizas das que é incapaz de saír, é de onde nace o discurso de Jimmy, tamén chamado Home das neves: un novo Ulises sen posibilidade de retornar a ningures, que camiña co peso das cicatrices ao seu lombo e que resulta operativo para revelar as claves do totalitarismo, de todos os totalitarismos. Mais Jimmy conta tamén todo aquilo que ten que ver coa súa propia vida antes e despois da catástrofe, isto é, fálanos desa figura distante do pai, desas incógnitas e enigmas que simboliza unha nai atormentada que foxe da casa, desa sociedade que vixía cada paso que dá, fortemente elitista e que fai da marxinación e dos privilexios a súa norma de conduta e que potencia a aparición de animais transxénicos, de bioformas como son porcuínos, lobáns, linchos ou mofaches, mais, sobre todo, cóntanos quen son Oryx e Crake: unha moza -a primeira- da que se namora e un amigo, o segundo, na realidade o seu único amigo, responsable da creación de seres manipulados xeneticamente, os crakers, moi semellantes a nós, con comportamentos inspirados no mundo da bioloxía pero incapaces de reaccionar, se se quere, criticamente. A narradora canadense constrúe un discurso irónico, ás veces satírico, onde por veces brilla un formidable rexistro lírico.