A derradeira vaca de Lucenza

Alfonso Eiré rende a súa particular homenaxe a un animal que forma parte do ADN galego, desde os tempos da economía de subsistencia, nunha obra que serpea entre o humor, a tenrura e mesmo a traxedia


Se a vaca xa ocupou, como símbolo, a narrativa de Rivas, e como protagonista outras obras de Atxaga ou Marilar Aleixandre, sospeito que Afonso Eiré, excelente coñecedor do mundo rural, quixo con esta obra render dous recoñecementos. Un sería o que parte do propio título da novela, que fai pensar, inequivocamente, no clásico de Neira Vilas, do que esta resulta, ao meu ver, un excelente complemento ou continuidade, salvando as diferenzas, como son o período retratado e o singular protagonismo que non fai recaer nun animal calquera, como ben dixo Castelao, senón, como se insiste en todo o libro, nun animal multifunción que rescata do seu libro Eu tamén fun coas vacas (2001): velaí a Cachorra, unha vaca maioral da casa, unha vaca marela de raza rubia galega. Neste sentido cobra relevancia un sincero e transparente tributo a un universo en transo, simbolizado nun animal totémico, e recreado a través dun brillante rexistro lingüístico que serpea polo humor, a sorpresa, a indignación, a tenrura ou, mesmo, a traxedia.

A segunda homenaxe derívase do anterior. Cachorra é un animal doméstico con memoria, e desde ese atribución vai máis alá de revelar a súa chegada ao mundo ou a súa conversión nun animal querido e necesario, con personalidade propia, que se reafirma con orgullo como insubstituíble e dona dunha filosofía que talvez só nós entendamos. A protagonista testemuña os cambios que sente no seu propio lombo e que van desde as vivencias nunha explotación tradicional e de subsistencia ata aqueloutras propias dunha explotación tecnoloxizada e industrial, marcada pola rendibilización dos produtos lácteos, mudanzas responsables de que xa non sexa precisa ou, cando menos, non tan precisa. Esas modificacións dos ritmos e da concepción dos traballos foron, dalgún xeito, a gran parte da sociedade rural galega dos últimos anos, polo que este libro é, asemade, un excelente e honesto testemuño, ofrecido con singularidade desde un punto de vista inédito como é o da derradeira vaca da casa de Lucenza: esa que imaxinamos afouta, fiel e de lánguidas e cómplices olladas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
ADN
Comentarios

A derradeira vaca de Lucenza