Dialogando co silencio

A estrea narrativa de Pablo L. Orosa é unha novela ambiciosa, que afonda boa parte do seu argumento nas circunstancias experimentadas no seo dunha mesma familia con moitos anos de distancia


A través das páxinas de Fálame do silencio asistimos a unha viaxe no tempo que nos retrotrae á época anterior da República, pasando polos anos setenta do pasado século ata case a actualidade.

A revisión dos acontecementos vividos por algúns dos membros desa familia, instalada nun barrio popular coruñés, reconstrúese baixo a atenta ollada dun xornalista, Samuel Eirís, que, colateralmente, viviu parte dese tempo e, dalgún xeito, parece destinado a contalo.

A novela abraza unha arquitectura sólida que convida a ir recompoñendo as súas diversas pezas coma se dun quebracabezas se tratase. Estas, ao encaixaren unhas coas outras, van ao mesmo tempo abrindo as expectativas diante dun fardel de preguntas ancoradas nun ritmo narrativo envolvente e intenso, que percorre unha heteroxenidade de espazos que van de Sidney a Fisterra, da Coruña a Londres ou de Madrid a Arxentina.

O discurso narrativo articúlase, de maneira xeral, a través de dous discursos entrelazados. Un deles é o protagonizado polo devandito xornalista, narrado en primeira persoa e nun tempo histórico recente, que vai a máis e vai apropiándose do espazo, para contar unha historia que se lle vai revelando aos poucos a través de diversa documentación -memorias, cartas e outras fontes- co obxectivo depositado na reconstrución biográfica dun misterioso e enigmático Daniel Gluckmann: esoutro foco de interese que, dalgún xeito, se sitúa tamén no albo para reconstruír o territorio da Coruña máis traballadora e obreira de 1977 ao 1979, cun argumento no que o mar de María Antonia, e tamén certa mocidade daquela época, traen para o presente unha historia situada no territorio das identidades e da propia resistencia persoal e colectiva. «O silencio é o último que queda das cousas que queremos», escríbese ao final da novela, e, en efecto, velaquí un diálogo co silencio, con silencios familiares e con todos aqueles que se restitúen, con inequívoco atractivo, nestas páxinas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dialogando co silencio