«Son neorrural, vivo na aldea pero teño mentalidade urbana»

FUGAS

Santi M. Amil

Chegou a Galicia hai anos para asentarse nunha aldea ourensá. Dende alí desenvolve un moi persoal proxecto de creación sonora que de momento xa lle valeu o Premio Martín Códax da Música neste 2018

27 jul 2018 . Actualizado a las 18:38 h.

O seu é un feitizo que transcende da tecnoloxía, que a converte nunha sorte de sublime lírica tribal que vai tomando forma nun cativador bucle de sensacións e texturas sonoras. Capa sobre capa, ao xeito dunha artesán sonora, vai tecendo Mounqup unha rede na que a súa propia voz queda atrapada, como un instrumento máis, como un deses rudimentarios recursos tecnolóxicos aos que obrigada pola falta de medios lles sacou tanto partido que agora acabaron por se converter nun sinal de identidade. Worldtronica lle ten chamado a súa combinación. Ela sorrí e acepta a etiqueta sen darlle moitas máis voltas, con esa mesma naturalidade e espontaneidade coa que fala en galego cun simpático acento francés. «Son de aldea, en que vou falar?», di. Nada que dicir. Nunca escoitei argumento máis razoable.

-Defíneste como «artesán do son». A utilización da electrónica non contradí o concepto de artesanía?

-A electrónica é o único que podo utilizar porque non podo ter miles de instrumentos. Pero é unha electrónica moi rudimentaria, de pobre [ri].

-Onde lle pos o límite á experimentación?

-Non son tan experimental como parezo. O que fago, ao final, son tempos 4x4 e cousas bastante melódicas. É todo bastante pop.

-Nos teus directos partes de cero en cada canción e vas engadindo capas e texturas ata conformala. Non lle tes medo ao baleiro?

-Non, ao contrario. Gústame comezar con moi pouco e ir sumando. Á música electrónica en directo é difícil pórlle sentido. Pero eu teño un espírito roqueiro, así que en directo gústame tamén crear e que esa creación teña un punto arriscado.

-Na folla de promoción do teu disco di que «segues explorando as contradicións sociais». Que descubriches nesa exploración?

-Que estamos sumidos na merda e que non sei como imos saír desta situación. Temos que abandonar esa falsa necesidade do súper confort e de que hai só unha forma de vivir. Hai moitas alternativas e teñen que pasar pola convivencia entre o ser humano e a súa contorna, algo que agora mesmo non estamos facendo.

-Non hai tamén unha contradición en facer música que se supón urbana dende un ambiente rural?

-É que no rural non hai só gaiteiros [ri]. Eu son unha neorrural. Teño unha mentalidade urbana, total. Culturalmente non teño moitas cousas que compartir coa xente do rural, pero como quero ter un estilo de vida máis sostible e máis acorde coa miña ética tiña que marchar da cidade.

-Volverás a ela algún día?

-Non, non. É imposible. Agora teño espazo, podo berrar moi forte. Non podería asumir as limitacións dun piso.

-É a soidade o lugar máis seguro?

-Non. Malia que viva perdida no rural, eu sinto unha necesidade moi forte de socializarme. Está ben illarse para ter o teu espazo, pero ao tempo é necesario xuntarse con outras xentes e compartir cousas. Se non é para volverse tola. Ou triste.

-Gustaríache ter un grupo?

-Si, é algo que estou pensando. Ata agora nunca conseguín sentirme ben nun grupo porque, como autiodidacta que son, tiña pouca confianza en min mesma. Agora xa me vexo capaz de tocar con outros músicos.

-Definíronte como a Björk franco-española. Sénteste identificada?

-O de Björk é un tema que dun lado me aburre pero doutro non está mal porque é unha boa referencia. Dende logo prefiro que sexa Björk que Susan Boyle.

PRÓXIMOS CONCERTOS

VENRES. CERVO. FÁBRICA DE SARGADELOS (DENTRO DO FESTIVAL GADÉLICA). DE BALDE

SÁBADO, 21.30. PONTEVEDRA. PRAZA DO TEUCRO. DE BALDE