Carlos Núñez: «Temos que protexer as cousas que nos fan especiais e máxicos»

TEXTO: CARLOS PEREIRO

FUGAS

XXXX

Carlos Núñez percorrerá Galicia a través da xira Lugares Máxicos, onde tocará nalgúns dos espazos con máis encanto no momento do solpor

13 jul 2018 . Actualizado a las 08:45 h.

A estas alturas da vida, calquera presentación de Carlos Núñez parecerá unha obviedade. Embarcado nestes momentos nunha xira imperdible por Galicia, bota unha ollada profunda e sincera á actual situación da música tradicional galega, e achega unhas conclusións para a reflexión.

-É innegable. Esta terra ten algo máxico, non?

-Claro que o ten. Moitísimas cousas. Pero a maxia hai que saber comunicala, alimentala, se non a maxia tamén pode morrer, e iso é o que está a acontecer coa música. Temos un patrimonio melódico único, cunhas posibilidades fantásticas, pero non se soubo desenvolver. Ou non se quixo. Estamos nunha situación de urxencia. Xa temos toda unha xeración que desconectou dela.

-Soa terrible vindo de vostede este dato, que probablemente é unha das persoas que máis traballou por levar a música tradicional galega polo mundo, triunfando, vivindo delo, e escoitalo falando de urxencia, de extinción...

-Non só pasa en Galicia, pasa en xeral en España. Xa o dixo Jordi Savall, que estamos colonizados musicalmente dende hai séculos. É certo. Ti podes traer amigos doutros países a coñecer este, e descóbreslles a cociña, por exemplo, pero non a música. Pregúntache por que só soa música americana, ou copias dela.

-Fallamos na xestión.

-É unha das causas. Milagrosamente as tradicións, en España, non morreron, coma si pasou en Alemaña, Inglaterra, en gran medida en Francia... Son países modernos pero que perderon as súas raíces coa cultura propia. Europa converteuse nun gran centro comercial. Atopas os mesmos produtos en todos os lados, en Madrid ou en Dallas. O curioso é que os americanos valorizan moitísimo as cousas auténticas, que aínda temos aquí pero que están a piques de desaparecer. Non podemos ser tontos. Temos que saltarnos a parte negativa da industrialización, da modernidade mal entendida, e deamos vida ás cousas que nos fan especiais, máxicos. Se non é así, en moi poucos anos seremos unha Alemaña ou unha Inglaterra máis.

-Diso trata esta xira? De atopar esa vida? De levar a música a sitios que debemos protexer?

-Un castelo, un dolmen, dous paradores, un claustro gótico... A verdade que é un soño feito realidade poder tocar neses lugares, de facer algo así na miña terra. Custa moitos anos facelo, a verdade. Por que os concertos teñen que ser en lugares ruidosos e feos? Se temos no mesmo concello, seguro, un sitio precioso, ideal para un concerto. Estamos metidos nunha espiral que mata a música, e que pasa por unha aparente gratuidade da música.

-Que provoca?

-A utilización de cartos públicos para pagar pagas infladas, que non son reais. Tivemos en Vigo as Cantigas de Martín Códax, canto invertiron Concello, Deputación e Ministerio de Cultura en facer cousas que de verdade chegaran á xente? Fóronse e ninguén aprendeu a cantar unha. Moitos non saben nin que son música. Non hai cartos para iso, pero logo en Castrelos, nunha soa noite, gástanse 450.000 euros. É algo destrutivo. Neste país o mainstream é pagado con cartos públicos mentres que a música tradicional debe vivir da billeteira. É algo inxusto, e estou disposto a loitar contra elo. Non é unha cuestión de axudas sen máis, e simplemente a posibilidade de competir en igualdade de condicións. Alguén imaxina un Concello repartira burguers fronte a un local que venda produtos frescos galegos? É imposible. Pois isto é o que se está a facer coa música.

 

JULIO DÍA 8 RECTORAL DE AMANDI DÍA 20 PARADOR DE BAIONA DÍA 21 MOSTEIRO DE OSEIRA DÍA 22 TEMPLO DO CARBALLIÑO DÍA 24 MOSTEIRO DE CELANOVA DÍA 31 S. MARTIÑO DE NOIA AGOSTO DÍA 4 CASTELO DE MONTERREI DÍA 5 STO. ESTEVO DE RIBAS DE SIL DÍA 13 DOLMEN DE DOMBATE