A esencia da liberdade

FUGAS

.

Xosé Luís Barreiro entréganos unha fermosa tradución ao galego (ese fermoso galego que el fala habitualmente) dunha obra esencial do pensamento político do século XIX e analiza nun gran prólogo as súas achegas fundamentais

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mecenado da Fundación BBVA, e por iniciativa do entón reitor Darío Villanueva, o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago inaugurou no 2002 unha soberbia colección (Clásicos do Pensamento Universal) cuxa finalidade é editar, traducidas ao galego e prologadas por especialistas, algunhas das achegas intelectuais fundamentais que, nos máis diversos eidos, axudaron a construír o noso mundo. Cun deseño fermosísimo, na colección atoparon acubillo ata o momento obras de Freud, Platón, Newton, Aristóteles, McLuhan, Beccaria, Darwin ou Maquiavelo, entre outros.

A tan decisiva contribución á lingua galega, engádese agora unha obra de teoría política esencial dun dos grandes pensadores europeos do século XIX, John Stuart Mill, que publicou Sobre a liberdade (On liberty) en 1859, cando Gran Bretaña estaba a converterse na vangarda daquela liberdade dos modernos da que catro décadas antes falara Benjamin Constant. A importancia da obra teórica e política de Mill queda acreditada na preocupación polos dereitos das minorías fronte ás maiorías (da que deixou constancia na súas Consideracións sobre o goberno representativo) ou na defensa nos Comúns do voto feminino, da que foi un adiantado. Sobre a liberdade, en todo caso, fará de Mill un dos pensadores políticos dos que non cabe prescindir. Tan grande obra merecía unha excelente tradución e un prólogo que estivera á súa altura. O profesor Barreiro fai as dúas cousas dun xeito insuperable. A tradución e, por suposto, dunha admirable claridade, e tamén dunha beleza extraordinaria: Barreiro escribe o fermoso galego que fala habitualmente, que é todo o contrario desa lingua requintada que pasa ás veces por moi culta cando simplemente é moi artificial.

Ideas esenciais

Canto ao contido do seu prólogo, non pode ser más interesante nin, ao meu xuízo, máis certeiro. Non é posible, claro, nunha breve recensión resumir o fondo achegamento do prologuista á obra prologada, polo que me limitarei a salientar dúas das ideas esenciais que, segundo Barreiro, conforman a contribución que fai de Sobre a liberdade un verdadeiro clásico do pensamento universal.

Mill, que -escribe o profesor compostelán- se propón na súa obra, «analizar o desenvolvemento da liberdade real na dialéctica entre o cidadán e a persoa, ou entre a comunidade e o individuo», considera que non pode haber una auténtica sociedade liberal sen a existencia dunha cidadanía activa e responsable, dunha cultura cívica, pois, para Mill, apunta o prologuista, tanto «o concepto da liberdade como a análise do seu desenvolvemento e garantías quedan desprazadas do estudo do Estado, ou do poder, para formar parte do estudo da sociedade e dos seus comportamentos». Directamente relacionada con esta afirmación, a segunda grande idea do noso autor, que Barreiro destaca xustamente, é a de que o perigo para a liberdade non procede só dos posibles abusos e restricións derivadas do poder senón «dun novo e invisible tirano que exercía os seus poderes dende a opinión pública, as convencións sociais ou os credos relixiosos».

Malia que, como subliña Barreiro con acerto, Mill non puido coñecer o poder que os modernos sistemas de información rematarían por ter na conformación e manipulación da opinión pública, abonda con botarmos unha ollada derredor, para captar ata que punto as análises e intuicións de Mill sobre os perigos que tería que afrontar a liberdade nas sociedades liberais ían indiscutible, e desgraciadamente, ben encamiñadas.