Santi Romay: «Aínda me seguen abordando pola rúa polo meu papel en Mareas Vivas»

O TEMPO. MAREAS

José Manuel Casal

O actor malpicán Santi Romay protagoniza, xunto con Oswaldo Digón e Marcos Pereiro, «Coleccionistas, a arte feita comedia», unha divertida peza teatral con música en directo, fins solidarios e unha alta carga de improvisación

02 jun 2018 . Actualizado a las 21:14 h.

Cada noite, os espectadores de Coleccionistas, a arte feita comedia, convértense en afamados coleccionistas das mellores obras de arte do mercado. Oswaldo Digón, Marcos Pereiro e Santi Romay, interpretando a tres empregados recén saídos do paro e contratados por unha ETT, guían ao público nunha poxa chea de humor e con matices solidarios. Cóntao Santi Romay, triunfador dos María Casares o ano pasado polo seu papel protagonista en O Tolleito de Inishmaan.

-Seguen coa xira galega de «Coleccionistas, a arte feita comedia».

-Continuamos ata o verán, cando faremos un parón, e despois retomaremos. Fáltannos aínda representacións en Melide, Verín, Lugo, O Carballiño e Vigo.

-Definen esta comedia como «experimental». A que niveis?

-É moi diferente, dado que se basea fundamentalmente na creación espontánea, na improvisación. O público elixe nun programa de man qué obras de arte se poxarán ao longo da peza e a partir de aí, e interactuando co espectador, imos creando diferentes historias.

-Cal adoita ser a resposta do público?

-Pois moi boa. Quizais nun primeiro momento a xente adoita estar un pouco máis reacia a participar, están expectantes porque non saben que é en clave de improvisación, pero a medida que evoluciona a representación a implicación é moito maior. Vai in crescendo.

-Agora enténdese a Gioconda de ollos tapados que figura no cartel: o espectador non é consciente do tipo de obra nin do que sucederá nela.

-Si! Quixemos incorporala como o noso sinal de identidade, para indicar que nesta peza se falará da historia da arte, pero que tamén haberá algo máis.

-Incorporan, ademais, unha poxa real.

-Isto tamén ás veces dá lugar á confusión entre os espectadores, que cren que non é real! Por iso antes de facela sempre explicamos que se trata dun acto 100 % real, e ademais benéfico. Colaboramos con Cruz Vermella e o beneficio obtido das poxas destínase ao seu programa de axuda a familias en situación de vulnerabilidade.

-Que tal vai a recadación?

-Bastante ben. Nalgúns lugares, como A Coruña, chegamos a xuntar 120 euros, que está moi ben. Tendo en conta que nesta primeira xira temos 11 espectáculos, eu creo que daremos conseguido unha cantidade significativa.

-Diríxeos o xenial Oswaldo Digón.

-Á parte de ser un compañeiro estupendo, ten moita traxectoria, fixo xa varias cousas de improvisación e nutriuse moito nesa parte da interpretación. Foi un pracer traballar tanto con Marcos Pereiro como con el. Un curso avanzado.

-Poderíase dicir que calquera dos tres é un coleccionista do teatro.

-Seguramente. Oswaldo sempre di que el é cómico porque se toma a vida moi en serio. Iso defínenos moi ben, creo.

-Xera adición?

-O teatro ten ese directo, ese feedback do público, ese calor inmediato. Quizais o audiovisual é máis frío nese sentido, máis fraccionado. Recibes o cariño da xente se te recoñecen pola rúa ao mellor. Nese sentido o teatro si que é máis gratificante, aínda que economicamente presta máis o audiovisual! [ri].

-Párano moito pola rúa?

-Sobre todo cando hai un traballo audiovisual recente, aínda que me seguen abordando por series como Mareas Vivas ou Matalobos. Tamén se me ten achegado por algunha das obras de teatro nas que participei, como O tolleito de Inishmaan ou O cráneo furado, cousa que me parece moi gratificante, que o público sexa consumidor de teatro.

-Algún sorprenderíase ao velo camiñar ao rematar «O Tolleito»...

-Esa obra deixou moitísimas anécdotas, mesmo unha señora que se achegou ao final da obra e me dixo: ‘Ai, ¡pero se estás ben! Se chego a saber que era finxido teríame rido durante a obra’. Ela estaba completamente convencida!