Bieito Romero: «Na Ribeira Sacra descubrimos un gran tesouro musical»

Ourense acolle a estrea da xira do novo disco de Luar na Lubre, «Ribeira Sacra», que propón un singular arquivo sonoro do patrimonio da zona e no que suman múltiples colaboradores nun avance da marcha de Belem Tajes. Mañá e domingo actúan no Teatro Principal de Ourense

.

Luar na Lubre fai en Ribeira Sacra unha especie de cápsula sonora con recollidas de campo de elementos etnográficos que resumen o sentir dun lugar igual de gabado que descoñecido e que eles musican mesturando tradición e creación. Na estrea do seu 18 disco acompañaranse de numerosos colaboradores, como Víctor Manuel, Sés, Nani García, a Coral de Ruada, Marisa Valle Roso, Irma Maceiras ou Juan Antepazo e Carlos Gardón de Astarot. Bieito Romero (A Coruña, 1964) recoñéceo como o seu traballo máis ambicioso e o prólogo dunha nova etapa.

-Reivindica Ourense por tradición familiar.

-De alí son as miñas vivencias de cativo, de Niño de Aguia, e fágoo porque forma parte das miñas raíces. A idea do disco fíxoa Maruchi, a nosa manager, e nin se me ocorrera, porque é unha zona onde non hai demasiados datos sobre a música tradicional. A Ribeira Sacara son 24 concellos e abarcar todo era complicado. Fixémola exclusivamente da parte ourensá, porque era a que coñeciamos máis.

-O máis singular da proposta, se cadra, é o arquivo sonoro que inclúen.

-Había detalles sonoros ambientais noutros traballos, pero aquí é dun xeito máis conceptual e directo. Fixemos un traballo de campo importante, estivemos con xente descubrindo un verdadeiro tesouro da musica tradicional, e consideramos que os sons que rexistramos de amenceres, dos felos, do carro do país, todas estas cousas, tiñan entidade propia e puxémolas en relación coas pezas. A aposta é grande, presentamos 15 cancións e 11 sonoridades.

-Con «Alento», que fala dos lumes, vólvense reivindicativos.

-En todos os discos hai algún toque, neste caso fixémolo porque as primeiras tomas e gravacións sucederon cando a traxedia dos incendios, nós estabamos no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, e había unha néboa basta de fume e foi unha cousa que nos tocou na alma, e a peza é unha mestura do que sentimos nós e a nosa colaboradora Raquel González Ramallo, que viviu a traxedia en Vigo, cos caldeiros, e viu como entraba o lume na cidade.

-Por que unha proposta tan coral para presentalo?

-É un disco moi diferente e pensabamos que é unha maneira de enriquecer o traballo, son voces que admiramos o interesantes para a proposta.

-Saen de xira xa con 30 concertos confirmados.

-Hai unha boa xira e estanse pechando moitas cousas aínda, o grupo está con moi bo estado de saúde e de ánimo, e ten boa acollida.

-Cando confirman o cambio de cantante?

-Despois de Ourense, son cousas que son habituais dentro de Luar na Lubre. Belem foi unha colaboradora que estivo durante un tempo e gravou algo neste traballo, e agora toca outro tempo.

Votación
2 votos
Comentarios

Bieito Romero: «Na Ribeira Sacra descubrimos un gran tesouro musical»