Brais Morán: «O meu disco é un berro a facer música pase o que pase»

CARLOS PEREIRO

FUGAS

cedida

O compositor galego logra construír un universo propio e recoñecible dentro do seu último disco. O público tamén, por iso se está a converter nun dos artistas de moda da música autóctona

28 oct 2019 . Actualizado a las 17:24 h.

Brais Morán é un deses artistas que coñece ben o que é a música. As súas caras boas e as menos boas. Vinte anos de carreira que avalan unha maneira de facer e crear cancións particular, de interpretalas e de conectar co público.

-Nos últimos Premios Martín Códax foi un deses afortunados que saíu do Pazo pontevedrés cun galardón nas mans. Serven este tipo de recoñecementos como gasolina para seguir adiante?

-Sempre fai ilusión recibir un premio deste tipo. Eu nunca parei de compoñer cancións e gravar discos dende que empecei na música. Que se lle dea valor a iso, máis aínda á miña coa que levo vinte anos traballando, é un momento onde lembras e fas un repaso a todo o que tiven que pasar.

Moito tiven que tocar, e moito queda.

-E que sexan os compañeiros de estrada, os músicos, os que voten neste formato é un plus?

-Si, está claro. Todos nos imos coñecendo e o resultado é algo bo. Conste que o xurado final cambia cada ano, non é coma na primeira elección de bandas, onde votan todos os socios de Músicos ao Vivo.

-É difícil evitar non falar de Narf nestes tempos, e sobre todo ao falar de músicas do mundo e dun artista que sobe cunha guitarra a cantar ao escenario cancións propias, como é o teu caso.

-Eu tiña uns 17 anos cando comecei a escribir e cantar en galego. Coñecino tempo despois. Con el tiven unha relación de afinidade. Tiñamos unha identidade común. Non só pola lingua. Falo dunha maneira de abrir fronteiras, de entender a música, de escoitar melodías africanas, portuguesas, do Brasil... Chegar lonxe, non quedar só co de aquí.

-Falando da lingua, está de moda o galego na música? Por fin se chegou ao punto de que calquera estilo teña a súa representación na lingua propia.

-Eu creo que o que pasou, máis ca unha moda, é que se naturalizou. Comezou a normalizarse, podes usalo para a música sen problema ningún. O galego é universal: podes atopalo en Angola, no Brasil, en Suíza... A min sempre me pareceu moito máis interesante saír de aquí e cantar en galego que en inglés, dado o seu compoñente exótico para o ouvinte. Calquera persoa non galega sempre di: «Que bonito soa o galego nas cancións». É súper rítmico.

-En «No Mato do desespero» hai moito elemento paisaxístico. Sempre lle inspira o que lle rodea?

-Si. Nas cancións que compoño sempre hai elementos dese tipo. Neste Mato todas as cancións son diferentes, pero teñen a súa coherencia. Esperanza, luz... É un berro a seguir facendo música pase o que pase. Quizais sexa o disco máis conceptual que teño. Está presente tanto a Costa da Morte como o resto dos continentes.

-Non ten a sensación de que os músicos de hai vinte anos tiveron os mesmos problemas que os de agora? Non se logrou corrixir nada?

-É normal. Avanzouse, por exemplo, na tecnoloxía, pero hai unha grande carencia industrial. Hai moitísima creatividade pero o que se coñece na industria é pouquísimo. Falta financiamento, medios que non sexan autofinanciados agás os das multinacionais. O músico que quere vivir das súas cancións teno moi complicado, pero pode facerse, e por iso estamos aquí.