Coincidindo coa publicación do libro, na galería Sargadelos de Santiago amósase, ata o 21 de maio, unha exposición que recolle os orixinais das colaxes creadas por Fausto Isorna para os dous libros das aventuras de Alicia publicados por El Patito Editorial. Isorna iniciouse na colaxe a primeiros dos anos 90 cando ilustrou con esta técnica o libro Colección de Bolboretas de Luís Rei Núñez. A partir de aí, sinala, «funa perfeccionando e diversificando ata conseguir diferentes climas ou acabados segundo os materiais utilizados ou o xeito de xustapoñelos».
Nos seus traballos máis actuais, aos que gusta chamar «surrealistas», os elementos intégranse limpamente e desaparece entre eles a fronteira do recorte. «O que fago é, en última instancia, arte pop. Esa é a miña intención e nese eido é onde me sinto cómodo e integrado».