Unha sorte de costumista, delirante e festivo «trap-antojo»

Son o penúltimo fenómeno xurdido na efervescente escena musical galega. Unha tolería de considerables proporcións, estimulante e moi arraigada ao noso, que usa a ironía como argumento e o trap como soporte


Seguramente hai máis discurso nun só tema de Boyanka Kostova que en todo o repertorio da maioría das estrelas do trap. Malia que por veces semellen un festivo trampantojo no que non é doado advertir onde remata a proposta musical e onde empeza a farsa. Que seguro que a hai.

Boyanka Kostova son a retranca feita trap. Dous conceptos que nunca imaxinei na mesma frase. De aí, se cadra, parte do seu éxito. En ningunha cabeza no seu san prexuízo cabía esperar un desenvolvemento conceptual de semellante calibre. O xénero musical que atrapou á xeración millennial levado ao mundo da aldea nunha sorte de contextualización tan inverosímil como atinada.

Como flow costumbrista téñeno definido. Ou como twerking rural. Cibrán e Chicho, as dúas almas inquedas que botaron a andar estimulante tolería, quítanlle transcendencia ao asunto. «Non é tan complexo nin lle damos tantas voltas. Sinxelamente falamos do que nos pasa acotío. Pero do que nos pasa a nós, de verdade. Unha noite na casa, todos fumados, apetécenos facernos un Colacao e dicimos ‘hostia aí pode haber unha canción’». E vaia se ha houbo.

«O que non ten sentido e o que a nós nos dá moita risa é que un tipo que ao mellor é do Porriño me estea contando que sae no seu lowrider coa súa 9 milímetros a vender crack. Non tío, non entendiches nada», engaden.

Se cadra por iso nunha das súas letras puntualizan que malia que teñen caras de malos son moi amables. «Claro, joder. Pode que nalgún vídeo saiamos cun xesto chungo pero somos moi riquiños, en realidade».

Incluso na estética marcan a diferenza. Poden aparecer en escena cunha camiseta de Héroes del Silencio ou cun bañador hawaiano. «É a nosa forma de ser. Poñer esas poses tan pouco naturais ou levar unha cadea gordísima non vai con nós».

Ata a irreverente aparición de Boyanka Kostova o trap e o sentido do humor eran dous conceptos antagónicos. Se algo caracterizou a este xénero foi ou ben a súa banalidade ou un certo sentido apocalíptico que tiña o seu reflexo nunhas bases escuras e nun ritmos tan hipnóticos como pouco propicios para a algarabía.

Non é o caso. Boyanka Kostova fan saltar polos aires eses tediosos principios. Queda máis que patente nos seis tracks do seu máis recente epé, Vella canción galega, editado por La Melona baixo a produción de Hevi (Malandrómeda). Neles o dúo explora a moi descoñecida vertente festiva do trap, forzando con sarcasmo os límites do autotune, propoñendo ritmos nos que a electrónica de colorinchos se mestura co substrato tradicional e evadindo os ríxidos esquemas do xénero. «Nós nin sequera dicimos que somos un grupo de trap», comenta Cibrán. «Somos un grupo de música que facemos electrónica e que dicimos cousas. Pero, quen sabe, calquera día se nos vai a olla e facemos baladas».

A referencia a Malandrómeda é inevitable, máxime tras o moi perceptible traballo de produción de Hevi no epé de Boyanka Kostova. «Nós crecemos con Malandrómeda, mamamos todo o que sacaban», comentan. «Se somos os herdeiros? Nós non somos quen para dicilo pero se é o que se está comentando por aí...».

O que é incuestionable é que hai unha nova xeración de músicos galegos que, máis alá do xénero ao que musicalmente se acheguen, deixaron por fin de lado complexos e prexuízos, souberon capturar a esencia do seu tempo e achegala ás raíces e á propia idiosincrasia. E, mira ti por onde, a cousa funciona. Vaia se funciona.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha sorte de costumista, delirante e festivo «trap-antojo»