Peche en formato grande para a súa triloxía do mundo

TEXTO: DOLORES VÁZQUEZ

FUGAS

MARCOS CREO

Unha fin de xira en gran formato é a proposta coa que despide Guadi Galiego «O mundo está parado»

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:20 h.

Unha fin de xira en gran formato é a proposta coa que despide Guadi Galego O Mundo está parado, unha despedida que coincide temporalmente co avance do seu novo traballo Bola de Cristal, do que xa presentou, como adianto, Fronteiras. Ese EP con cinco pezas pecha unha triloxía, na que están Lúas de outubro e agosto e o Mundo está parado, coa que esta compositora, que xa tiña o recoñecemento con outras sonoridades, transitou polo pop os últimos catro anos con éxito e sen complexos. Se co primeiro, con temas como Matriarcas, converteuse nunha nova referente para unha xeración que non ten memoria biolóxica para tela como icona do mundo folk, co segundo logrou callar aínda máis no recoñecemento da crítica a unha proposta sen ataduras, e co terceiro pretende poñerlle o remate a un ciclo do que agora se sabe que tiña data de peche. «É como a fin dunha etapa, que comeza con Lúas, que é o mundo máis da ensoñación, o petisco que fago entre que nacen os meus fillos, despois O mundo está parado é este mundo máis da realidade, da incoherencia, a necesidade de parar e velo dende outra óptica, e Bola de cristal, que é o mundo que desexo», resume Galego sobre esta proposta que conclúe cun formato de disco máis cativo. É un terceiro traballo, o cuarto como solista, que mantén a mesma proposta musical, aínda que se cadra algo máis arriscada.

«Non vou xirar co EP novo», di, e xustifícao pola grande aposta desta fin de xira, acompañada por unha banda de 12 músicos. «Eu fago sempre a música que me apetece facer e dicir, fago sempre o disco que me sae e é certo que este último EP complementa eses dous discos, é continuísta e por iso non quero falar dun disco só, senón de triloxía, que fala do mundo que me rodea e que desexo. Non sei se no seguinte farei arrolos ou transmetal», di a modo de pulla entre gargalladas.

«Despois disto preciso parar para volver a crear, buscar outro son e atoparme a min noutro camiño, vou seguir facendo música de autora, pero preciso parar un pouco», admite, tras uns traballos amparados pola resposta do seu público, que sempre recoñece como «fiel». «Preciso un cambio, e por iso estou coa ilusión desta fin de xira e de facela con esta bandaza, con cordas, ventos e cinco de banda», asegura.

Guadi Galego leva dúas décadas sobre os escenarios cunha traxectoria sen erros, incuestionable e coherente. Traballou defendendo libremente os estilos polos que transitou dende aqueles comezos con Berrogüetto, unha formación referente do folk máis vangardista, a Espido, no que se acompañaba de Guillerme Fernández, unha proposta a dúo que se ampliaría a cuarteto baixo o nome de aCadaCanto, xunto a Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Esta compositora xa fixera unha incursión en solitario con Benzón, antes de abordar esta triloxía a que poñerá fin cunha xira que se presume con poucas citas, pero que pon un colofón potente dentro dun mundo pop en galego que segue escaso de representantes.