O libro máis agardado de Fernández Naval

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Agardabamos desde «A noite branca» (2012), unha das mellores novelas de Francisco X. Fernández Naval ao meu xuízo, a seguinte entrega e esta chegou hai xa algúns meses baixo o título de Alma e o mar.

15 feb 2018 . Actualizado a las 16:14 h.

Unha entrega que cómpre saudar con satisfacción pois de novo o autor constrúe e comparte un universo literario memorable e, talvez, cun acento distinto ao que estabamos afeitos pero sempre exhibindo a habilidade dun autor de oficio.

Alma e o mar paréceme unha novela coidada ata o mínimo detalle onde a voz narrativa vai, á mantenta, situándonos en contextos e espazos diversos que median desde diversas cidades dos Estados Unidos de América ata unha aldea da Costa da Morte, Agrovello, onde Alma, un personaxe construído con tanto agarimo e dono de tantas aristas que está deseñado para lembrar, cicatrizará de vez, ou talvez non, as súas feridas. Un espazo que é o lugar do acougo e, dalgún xeito, tamén do renacemento dunha muller que é unha e todas e que procura, con afouteza, saír do abismo e mirar a vida á cara.

É esta, así pois, unha novela de feridas e cicatrices, de violencias de índole social, familiar, física, sexual ou laboral que agroman desde unha perspectiva moi concreta que persegue desvelar a contorna violenta e machista, chea de presións e discriminacións execrables pero reais e tanxibles, sempre semellantes aínda que afloren en diferentes espazos e atmosferas. Con todo, a novela non xira tan só arredor de Alma pois nela circulan outras mulleres -Nora, Mercedes, Áurea, Ofelia, Silvia...- que a acompañan neste percorrido que non se entende como un pano de fondo senón como a forza motriz e probablemente a inspiración de toda a novela, que vai abrazando, aos poucos, o xénero do thriller ao que se engade, ao final de cada capítulo, unha sorte de apuntamentos con reflexións de voces femininas, galegas ou non, operativas para construír finalmente un guión concibido desde instancias inequivocamente simbólicas.

Alma e o mar, alén de estar escrita con brillantez, convida ademais a reflexionar e, sen dúbida, convida a sermos máis intransixentes con todo o que implican, tamén no uso da nosa propia linguaxe, as desigualdades e violencias que sofren as mulleres pois a literatura tamén cumpre unha función relevante para todo isto. Moi relevante.