Un «thriller» máis galego, imposible

Ramón Nicolás

FUGAS

Santi M. Amil

Jorge Emilio Bóveda aposta ironía e o popular en «As sete mortes de Leopoldo Pardo»

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:15 h.

A aposta de Jorge Emilio Bóveda por unha escrita de corte popular, de masas se se quer, onde máis que o humor sexa a ironía e o sarcasmo o que impregna conscientemente cada liña, cada historia, coma se se escribise cun lapis incisivo, debúxase con solvencia neste As sete mortes de Leopoldo Pardo. E faise sempre con convicción, coma se o autor abanease unha peneira acugulada dunha visión realista da sociedade e empregase logo, como material literario, aquilo que baixa do cribo e que ninguén quere ver. Resulta operativo este proceso para construír unha ollada crítica -por veces corrosiva e mesmo, por momentos, abeirada á alegoría-, ao absoluto desprezo, ou case absoluto, que inspira a cultura en boa parte da sociedade do noso tempo, amarrada aos reality shows e a produtos afíns que se converten nalgúns deses estigmas máis intensos e cada día máis fortemente arraigados.

Para isto Bóveda recupera o personaxe de Leopoldo Pardo -un expresidiario e antigo vixilante xurado, xa presente noutras obras do autor- que agora traballa como axente de seguros na compañía Nationale Switzerland. Será aí onde reciba un enigmático e curioso encargo de asegurar sete obxectos emblemáticos da cultura galega que simbolizan a verdade (un exemplar do Sempre en Galiza), a honestidade (atesourada nun cadro do pintor ourensán Tomás Bóveda), a paz (representada na máquina de escribir de Blanco Amor), a integridade (personificada nas lentes de Curros Enríquez, a quen tamén se homenaxea claramente neste libro), a vida (que se corresponde a unha copia do orixinal do Estatuto de Autonomía de 1936), a bondade (evocada pola caveira de Breogán) e mais o coñecemento (encarnado nas cordas vocais de Sieiro, personaxe sinistro quen lle solicita estes curiosos seguros). Obxectos todos arredor dos cales Pardo, ese protagonista sen escrúpulos que exhibe un egoísmo carente de toda ética que ignora a simboloxía que encerran todos os obxectos, deberá confirmar que, en efecto, resultan antagónicos aos contravalores que abraza sen pudor a sociedade como son a mentira, a manipulación, a corrupción, a morte, a agresión, a envexa e mais a ignorancia.

Na novela rexorde tamén como espazo físico o da vella Auria, fondo escollido para un exercicio literario próximo ao esperpento, que nos axuda a vernos e ver o noso arredor desde outra perspectiva.

«AS SETE MORTES DE LEOPOLDO PARDO»

AUTOR

JORGE E. BÓVEDA

EDITORIAL

XERAIS

186 PAX. 16,85 EUROS