Un fértil asalto á tradición

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

PixelinPhoto

Moito están dando que falar as rapazas de A Banda da Loba co seu primeiro disco. Modernas bandoleiras da música que toman como armas as súas raíces e a poesía

19 ene 2018 . Actualizado a las 13:23 h.

Non é infrecuente que o eclecticismo impere no primeiro disco dun grupo. Adoita ser consecuencia da herdanza dunha incerta traxectoria e dos devaneos cunhas aínda más incertas influenzas. Non é o caso do debut de A Banda da Loba. Ou polo menos non é o caso no que á razón se refire. Porque Bailando as rúas é, como tiveron a ben adxetivar as súas creadoras, un «caleidoscopio musical», si. Pero nese labirinto de colorinchos harmónicos non hai azar senón unha vontade manifesta de non pechar cancelas, de tomar ao asalto trillados camiños sonoros e de non pórlle portas ao campo.

Había tempo que un primeiro disco non daba tanto que falar en Galicia. Máxime tendo en conta que aínda que varias delas contan cunha certa traxectoria no eido da música tradicional, as cinco rapazas de entre 19 e 34 anos que conforman A Banda da Loba pasan por ser unhas descoñecidas para boa parte da escena, dos medios e, por suposto, do público. Pero aí están, ocupando escenarios ata non hai nada reservados para aqueles aos que admiraban.

Entre as claves de que isto aconteza está, sen dúbida, a conexión destas cinco mulleres coa necesaria actualización do concepto e da estética da música popular que irmanda coas raíces e a tradición.

A Banda da Loba foxe, sen renegar, dos tópicos do folk. E non amosa escrúpulos á hora de coquetear co blues, co jazz ou co swing. Como non os mostra á hora de vertebrar o conxunto do disco arredor dunnha idea que ten máis que ver co pop que co tradicional. Mestras non lle faltan e, se cadra, Guadi Galego, quen colabora nunha canción, algo terá que ver.

Máis alá do musical a gran achega desta banda é o seu compromiso coa poesía. Case sempre contemporánea. Con textos propios e prestados que seducen e conmoven e que aportan unha mensaxe comprometida que moitas veces require dunha segunda escoita fronte ao directo impacto que supón a súa música.

«Música con M de muller», subliñan nas súas canles de promoción. «Ser cinco mulleres implica certas reivindicacións», dime Xiana Lastra, a voz da banda. «Atrevernos a entrar en máis territorios, a abordar certos estilos, a que nos botemos a crear», engade.

É o tempo de xirar, de construír, de non fuxir, de inventar, de voar, como di a letra de Caleidoscopio, canción que ten moito de declaración de principios. E de todo iso se encargan estas cinco «sereas presas na ultramar». De «tronzar o medo reordeando o cristal». Que non é pouco.