
As cicatrices dunhas vidas que se van marcando na pel dos personaxes pero onde tamén atopamos razóns para a esperanza
12 ene 2018 . Actualizado a las 05:05 h.Di Xavier Senín, editor literario deste libro, que María Victoria Moreno sempre se amosaba entusiasmada cando se lle requiría algunha proposta narrativa e aínda máis se esta se rexía polos principios de fomentar a lectura ou espallar a nosa literatura: «Dúas das súas máis firmes conviccións». Esta, dalgún xeito, é a orixe deste novo libro da autora ao que se lle dedica o Día das Letras este mesmo ano e que incorpora, así pois, seis relatos dispersos en diversas publicacións e mais un inédito conservado.
O libro resulta moi oportuno, ao meu ver, pois fóra de ser o momento acaído para a súa recuperación conduce a reconsiderar o status da autora que cómpre ver xa non só como pioneira destacada da literatura infantil galega, ensaísta, tradutora ou salientable novelista senón e tamén como o dunha voz relevante no ámbito do relato curto. Teño para min que conceptualizar esta achega como menor na globalidade da súa produción sería un erro pois este O amor e as palabras atesoura o mellor da autora en pequenas pílulas e poida mesmo que constitúa unha estratexia inmellorable para, logo, achegarse ás súas novelas e do resto da súa obra.
Un libro innovador
O libro, dominado fundamentalmente por un protagonismo xuvenil e feminino, en ocasións innovador tematicamente, encerra o mellor dos seus trazos como prosista: exquisitez e brillantez lingüística, fluidez e adaptabilidade nos discursos e un manexo espléndido tantos das diversas perspectivas narrativas como das claves dun xénero esixente onde devorca universos marcados polos conflitos e as crises, particulares ou sociais e inspiradas na deshumanización, na incomunicación ou na rebeldía.
Asoman, así, as cicatrices dunhas vidas que se van marcando na pel dos personaxes pero onde tamén atopamos razóns para a esperanza, para festexar a vida e celebrala, en tantas ocasións de mans dadas cos afectos e co amor.
Vida entendida como «un tren que nunca para», como aquela que «pende dun fío, delgado e invisíbel» pero que Moreno soubo retratar, cunha visión humanista, optimista e sempre solidaria, onde a lectura e a literatura gozan, tantas veces, non só dun efecto balsámico senón liberador con páxinas imborrables como aquela onde iguala o degoiro e a saudade pois estas dúas «apuntan sempre a unha estrela ideal -escribe-. A diferenza está en que a estrela se vexa no amencer ou no solpor».