Unha flor para pór o ramo a un ano de libros

Ramón Nicolás

FUGAS

Álvaro Ballesteros

A proposta de Ruth Varela é un marabillos libro de viaxes que esculca na memoria e que revela ou redescobre territorios diversos que reconstrúe con acerto e afonda no símbolo dunha ponte cultural entre Galicia e México

29 dic 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Non resulta, en absoluto, común atopar unha publicación como esta que nos ocupa: Flor de Santiago é, indubidablemente, un deses grandes libros que pasan por diante de cando en vez e que entendo como unha verdadeira alfaia para pór o ramo a un ano de libros.

Pasar as súas páxinas convértese nun exercicio de descuberta e abraio continuo que sitúo desde a concepción inicial: pódese realizar unha abordaxe, cun discurso ensaístico divulgativo e solvente, sobre unha flor? Pódese, abofé que si, e ademais rodeada dunha execución brillante como resulta evidente ao ter o libro nas mans.

Ruth Varela atesoura aquí, e conxecturo sen medo a errar, a maior parte da información que pode ofrecerse hoxe arredor da chamada «flor de Santiago» e faino a través dunha perspectiva integral e exhaustiva na que conflúen con bo tino aspectos históricos, claro é, mais tamén simbólicos, culturais, científicos, antropolóxicos e lingüísticos entre outros, sometendo por un lado o seu discurso a un criterio de axilidade narrativa que resulta de agradecer e, por outro, iluminando a información cun notable corpus de ilustracións que completa visualmente este percorrido ao incorporar máis de cento cincuenta imaxes entre códices mesoamericanos, fotografías ou reproducións cartográficas de diferente orixe.