«Intentamos reflectir outra realidade da música tradicional»

Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero integran nunha nova proposta musical, que xa presentaron no Museo de Belas Artes coruñés e coa que inician xira


Do camiño andado polo multiintrumentista Pedro Lamas e o pianista Jacobo de Miguel durante máis de dez anos sae Azougue, un disco, no que se acompañan nas percusións de Xosé Lois Romero e no que fan unha homenaxe a Eduardo Pondal coincidindo co centenario do seu pasamento. De Miguel (Oviedo, 1973), moi vinculado á música galega, apunta que este trío é un proxecto cara ao futuro, «moi madurado e que ten espírito continuísta».

-De onde sae a necesidade de gravar?MÚSICA TRADICIONAL

-Lamas e eu temos un traballo de hai máis de dez anos, aínda que a actividade concertística non foi moita, e xorde de ir peneirando as nosas ideas musicais ata chegar a un discurso común. Sentímonos tanto Pedro coma min representados co feito e quixemos deixar constancia. A título persoal, e se cadra Pedro non podería pensar o mesmo, o disco nace da necesidade de facelo. Non son quen de dicir se algo vai ter unha resposta e en que medida, pero si que o quero facer e estou convencido de que é o momento.

-A instrumentación non é a máis usual, como a definen?

-Música de autor, e a expresión máis honesta posible de Pedro coma miña, pero con inspiración tradicional, popular. No caso de Pedro é máis evidente, porque el representa iso, aínda que se desenvolva noutros moitos eidos e con moitísima fortuna, por certo. No meu caso veño da música improvisada, do jazz, da música clásica e incluso da música comercial e non represento nada que teña que ver coa tradición, pero nos anos de relación musical con Pedro aprendín moitas cousas e, ademais, cun inmellorable mestre. Con todo iso que aprendín fixen unha elaboración e sen pretender ser iso, si que está vencellada na miña imaxinación musical. Pero Pedro, tal como di el, sempre se representa noutros proxectos que non son estritamente seus e neste preséntase un pouquiño máis el persoalmente. Neste caso somos un trío que é dúo. Somos trío no evidente e Romero achega o seu traballo superespecial e orixinal, e que ten un valor engadido tremendo no grupo, pero a proposta primixenia é máis de dous, en canto a composición, as liñas xerais do proxecto.

-Pola estética parece música introspectiva.

-Eu non diría iso, a verdade. A risco de confundirse cando un fala dun mesmo, podendo entender que a formación poda levar alí, e tamén o piano pode confundir, o disco é máis extravertido que introvertido polas rítmicas, os tempos son máis ben vivos. Incluso a forma de entendelo Pedriño e máis eu dentro do xénero que nos movemos é moito máis extravertida.

-É todo instrumental.

-Si, aínda que no último corte Xurxo Souto recita A vizosa, pracibre Cecebre, un poema de Pondal.

-Por que azougue?

-Ten moitas acepcións, pero o azougue é polo que o vidro pasa a ser espello e, digamos dese xeito, que o que facemos é coller unha información musical, baseada na tradición, e a partir de aí, como espello reflicte a realidade, nós intentamos plasmar outra realidade, que recolle a imaxe do fenómeno máis tradicional e popular e reflicte outra imaxe, sempre desde o máximo respecto e admiración aos fenómenos culturais populares. Reflicte algo que é noso.

É música de autor e a expresión máis honesta posible dos dous

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Intentamos reflectir outra realidade da música tradicional»