Suso Lista escribe con tinta e salitre

Completa o escritor de Corme a súa triloxía narrativa con Charamuscas, que chega tras os títulos Salseiros e Xeixos.

.

Nesta ocasión faise acompañar dunhas palabras limiares de Manuel Rivas nas que subliña que o de Lista é un «xeito de narrar de nos acouga e desacouga, que nos equilibra e desequilibra». Palabras que subscribo pois ese vaivén talvez resulte un dos méritos deste libro de relatos, se cadra impulsado agora cunha maior intensidade que nos dous libros anteriores. As historias de Suso Lista móvense sempre no gume da navalla: son ficción, abofé, pero ficción ancorada na realidade e relatada, con ese espléndido dominio da tradición oral que tan ben sabe verter na palabra escrita, coma se o fixese co ritmo das marés que veñen e van sen pausa. Seica o devalo e abalo continuos convidan a unha imitación na secuencia interna dos propios relatos: todo semella un ir e vir, un movemento continuo e imparable que, de súpeto, se detén para que captemos cousas que ocorren e que son, probablemente sen que o autor sexa consciente diso, verdadeiras leccións de vida. Leccións pois delas se aprende, e non só como alguén que ve aquilo que pasa desde a barreira senón como parte activa, e se dialoga, por exemplo, coas as sentenzas cheas de sentido común que, coma quen non quere a cousa, se sementan por todos os relatos. Mais non é este un libro sentencioso: Charamuscas, gobernado desde o leme que esculca nas vidas e vivencias das xentes da Costa, conta historias por veces terribles, en ocasións baixo unha aparencia de absurdas, mais sempre con humor, ironía e un gran humanismo, coma se o que se conta fose o máis normal do mundo e quizais o sexa ao quitarlles a carauta a esas xentes, ás súas vidas, do politicamente correcto, da falsidade máis hipócrita que puidera disfrazalas. O autor constrúe, así, un exercicio de cartografías marítimas, de carácter persoal e emocional, sen adobíos de ningunha clase para deixar os personaxes que recrea espidos, sometidos ao xuízo benévolo de quen os coñece porque, no fondo, non se deixa aquí de falar da propia condición humana e das súas contradicións. Historias erixidas con palabras cheas de salitre que agroman na fin da terra: ese lugar onde o mar e mais os barcos «forman parte dos nosos corpos e das nosas vidas». Relatos que valen para ese universo mais tamén para o mundo todo e que nos fan sentir felices por gozalas e valoralas.

Votación
2 votos
Comentarios

Suso Lista escribe con tinta e salitre