Persianas baixadas


Vilar de Sembra, a localidade na que Antonio Manuel Fraga ambienta A virxe das areas, é un deses sitios onde nunca pasa nada. Pero un día, en marzo de 1981, ocorre que dúas veciñas albiscan na praia unha moza desorientada vagando en camisón, un misterioso encontro ao que se engade a circunstancia de que a aparecida levaba anos ausente do lugar. Daquela un xubilado ao que non lle encaixan as pezas do enigma bótase a pescudar nas motivacións ocultas do episodio. E ao autor, recente Premio da Crítica de Galicia por Querido H.P. Lovecraft, sáelle unha novela que se le dunha asentada, fortalecida ata as últimas páxinas pola proporción do suspense. Non era certo que na vila nunca acontecese nada. A violencia e o medo estaban aí. Non vivimos en 1981, pero segue habendo moitas Vilar de Sembra no mapa do país, con esa sensación de atonía no ambiente que só se remexe por un acontecemento insólito. Nada se altera, a orde triunfa coma unha inercia de séculos, pero as alfombras agochan a miseria moral dos que cren nunha orde espontánea comandada polas forzas vivas. Nesa recreación da vida da época, camiño dunha democracia eivada polo franquismo sen Franco, Antonio Manuel Fraga sabe xogar ben as súas cartas. Por iso na elaborada síntese de A virxe das areas entendemos a vida como unha representación sobre a superficie do mal, con reberetes de gialo ao noso xeito. Non é que nunca pase nada: é que todo sucede, aquí e sempre, coas persianas baixadas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Persianas baixadas