A estudosa do galego á que mataron os nazis

Margot Sponer sae do silencio e a desmemoria

.

Quen foi Margot Sponer? A responder esta pregunta dedica o profesor Antón Figueroa un ensaio e o valioso resultado que se obtén vai máis alá das necesarias, por descoñecidas, achegas biográficas de alguén cuxa existencia e traxectoria profesional resultaba lixeiramente familiar tan só para algunhas persoas moi interesadas na lingüística e cultura galegas. Tal foi a dimensión do silencio e a desmemoria e, malia todo, Sponer situou a lingua galega «como obxecto de investigación no mapa da cultura universal» e, a ollos de hoxe, singularízase polo seu perfil resistente nun contexto hostil.

O autor, tras recorrer ás fontes documentais depositadas en numerosos arquivos e hemerotecas e realizar diversas entrevistas a persoas que se relacionaron con Sponer, articula un libro que, alén da lectura biográfica, supón unha achega rigorosa que desvela as relacións de carácter cultural e científico, nacidas ao abeiro das humanidades, entre Alemaña, Galicia e España desde os anos vinte ata a fin da segunda guerra mundial.

Debúllanse así aqueles datos que entrarían na esfera persoal de Margot Sponer cos do seu traballo como investigadora e profesora e, sobre todo, coa rede de relacións persoais e profesionais que foi tecendo onde, alén das pegadas que suscitou a súa viaxe a Galicia en 1926, sobresaen figuras como Ernst Gamillscheg, que desenvolveu un papel fundamental xa non só nos traballos da súa discípula senón no fomento das pontes internacionais de carácter humanístico desde o seu posto como director do Romanisches Seminar da Friedrich-Wilhelms-Universität. Non é menor o espazo que ocupan voces que se ocupan de Sponer como Lois Tobío, Vicente Risco ou o xornalista Felipe Armesto, sen esquecer nin as conexións francesas que mantivo nin o proceso que rodeou a laboriosa e complicada publicación da primeira parte do seu estudo sobre documentos galegos antigos na revista catalá Anuari, obra que vería a luz no obradoiro do editor Moll en Palma de Mallorca. A súa vida foi escurecéndose profesionalmente debido á persecución á que foi sometida, como muller e profesora, por mor dos postulados democráticos e progresistas dos que nunca abdicou e que a conducirían a arriscar a súa propia vida nun tempo tan terrible como o do nazismo, réxime que acabaría violentamente coa súa vida en 1945. Figueiroa sinala que Sponer simboliza «como a lingua galega que ela amaba e estudaba (...) historias de resistencia e insubmisión». Non dubido que é unha comparación acaída para concluír un libro que, ademais, é un modelo dese «prodesse et delectare» do que falaba Horacio.

«MARGOT SPONER. DO GALEGO ANTIGO ÁS FRONTEIRAS DA RESISTENCIA»

AUTOR

ANTÓN FIGUEROA

EDITORIAL

LAIOVENTO

Votación
2 votos
Comentarios

A estudosa do galego á que mataron os nazis