Presenzas sobrenaturais

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:11 h.

A natureza, en ocasións, desata os nosos medos máis profundos. Mesmo provoca estraños terrores sen que medie a intervención de grandes fenómenos atmosféricos. Camiñamos polo monte, unha brisa inesperada abanea a corpulencia dunha árbore, e sentimos medo. Unha presenza intuída esperta en nós esa inquedanza. Falamos do horror cósmico: somos unha especie bastante máis insignificante do que imaxinamos e quizais esteamos en mans de forzas que non entendemos. Acontece que o universo nos observa coma un accidente e que ninguén chorará a nosa extinción. Lovecraft, señor dos Mitos de Cthulhu, armou unha obra enteira a partir dese pensamento.

O mestre do fantástico consideraba Os salgueiros, narración de Algernon Blackwood (1869-1951), «o mellor relato sobrenatural xamais escrito». Un século máis tarde da súa publicación -apareceu en 1907 na colección The Listener and Other Stories-, segue a fascinar polo escenario desacougante que describe, e posiblemente haxa poucas pezas que condensen con tanta astucia unha colección semellante de pánicos. Falando das árbores que dan título ao relato, o narrador enuncia nas primeiras páxinas: «Unha sorte de esencia emanaba deles, chegando mesmo a asediar o corazón. Un sentimento de reverencia, xaora, mais unha reverencia vernizada dun terror vago». Así se nos revela o medo ao descoñecido. Con dous rápidos trazos. E daquela é difícil non sentir un arreguizo na pel e pensar que Lovecraft sabía ben o que dicía.

AUTOR

ALGERNON BLACKWOOD

TRADUCIÓN

ALEJANDRO TOBAR

EDITORIAL

HUGIN E MUNIN

80 PÁXINAS

11,50 EUROS