Coma un fresco románico

A novela de Santiago Lopo, «A arte de trobar», galardoada co premio Xerais 2017, recrea con rigor e acerto estético, unha época relevante do noso pasado e constata a existencia de luces nun contexto do que se subliña a escuridade


Asumindo que a ideación desta novela ha vir de tempo atrás o certo é que resulta unha oportuna coincidencia o feito de ler unha proposta como esta nun momento en que é posible admirar o Pergamiño Vindel, depositado ata no mes de marzo no Museo do Mar de Vigo. Pero non só se trata do azar pois A arte de trobar posibilita vivir intrigas nas que circulan manuscritos e libros, vidas resistentes e loitas polo poder que alentaban nun tempo no que a nosa cultura, e concretamente a literaria, brillaba con luz propia e fulgor no concerto das nacións daquela Europa medieval.

Casualidades ou providencias á parte, A arte de trobar foi galardoada hai uns meses co Premio Xerais 2017 e constitúe unha oportuna novela que, a carón doutras propostas como as que subscribiron no seu día Manuel Portas ou Luísa Villalta, recrea con rigor e acerto estético, coma se dun fresco románico se tratase, unha época relevante do noso pasado que constata a existencia de luces nun contexto do que tantas veces só se subliña a súa escuridade.

Lopo manexa con inequívoca solvencia diversas liñas argumentais cruzadas ao longo do Camiño de Santiago en pleno século XIII. Cun esquema itinerante, lévanos da man dunha trobairitz occitana e unha troupe que coa que se acompaña, mais tamén retrata un inquisidor e un nobre flamengo, ambos os dous cunha grande importancia nos conflitos que presenta. De obviarse, ao meu xuízo, algún detalle arriscado no esquema recepcional das cantigas malia que este funcione narrativamente, resulta impecable a descrición dun contexto concreto erixido nunha encrucillada na que conflúen un inequívoco esplendor cultural e unha convulsa situación relixiosa, xunto con diversas tensións políticas e territoriais que se debaten con forza. Elementos que se entretecen con naturalidade nos perfís duns personaxes singularizados que, ás veces, ofrecen xiros inesperados na trama, sen perder a ocasión de ofrecer luzadas humorísticas nin, por exemplo, unha suxestiva reflexión sobre a saúde e proxección das chamadas linguas vulgares.

Dispomos desde hai anos dun tratado de poética trobadoresca e, desde agora, dunha magnífica novela homónima. Teño para min que resulta impagable, e necesaria, esta proposta creativa de Santiago Lopo pois dirixe a ollada a un tempo en que se xerou boa parte da nosa identidade cultural e tamén literaria. Convén coñecela e lela, sen dúbida.

AUTOR

SANTIAGO LOPO

EDITORIAL

XERAIS

224 PÁXINAS

16,85 EUROS

AUTOR

SANTIAGO LOPO

EDITORIAL

XERAIS

224 PÁXINAS

16,85 EUROS

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
1 votos
Comentarios

Coma un fresco románico