Maxia nas palabras e nos soños

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

SANTI GARRIDO

Chega agora «Muriel», avalado con aquel recoñecemento e que estes días procura un oco nas nosas librarías.

03 nov 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

María Canosa petou en varias ocasións na porta dun dos galardóns máis prestixiosos no ámbito da literatura infantil e xuvenil como é o Premio Merlín, decisión que nos deixou magníficos libros como son Rubicundo (2015) ou A cazadora de estrelas (2017). Chega agora Muriel, avalado con aquel recoñecemento e que estes días procura un oco nas nosas librarías.

Se, dun xeito sintético, tivese que salientar algúns dos valores que encerra Muriel diría que a sensibilidade creativa, por un lado, e a talentosa carga imaxinativa baixo a que se idea. Sensibilidade creativa porque Canosa é quen de construír un discurso narrativo, arroupado nun rexistro literario moi coidado e fluído, co obxectivo inicial de esculcar neses ocos que quedan nun neno, coa «melancolía pendurada dos ollos» tras a desaparición da súa avoa.

Complicidade

Serán así os obxectos, as cousas, os libros e os sentimentos os que se vaian revestir doutro significado para demandarnos un chisco de complicidade de xeito que, desde eses baleiros, asistamos á construción vagarosa dun universo creativo solvente, con personaxes e espazos xustos marcados por contrastes significativos. Entre eles salientan mundos que, malia proximidade, viven de costas como son Cartaria -esa vila triste onde reina o silencio- e Martiñeira, símbolos da sombra e da luz, do gris e da luz. Ambos os dous espazos sitúanse nese territorio híbrido a cabalo entre a fantasía e a realidade, coma se estivesen dispostos así para que cadaquén interprete as razóns da súa existencia ou aquilo que simbolizan. Entre eles realízase acotío unha transición que se consegue cunha naturalidade admirable, como tamén o é a fusión entre o que acontece en planos como son a terra e no aire ou a integración deses motivos que a autora nunca esquece como, por citar un, os que beben do mundo científico.

As incógnitas, os enigmas continuos que pairan por todo o argumento resultan operativos para prender a atención nestas páxinas: un leiteiro enigmático que logo será outra cousa, un raposo fantástico que acompaña a Muriel e outros personaxes condúcennos a un dos eixes centrais da proposta como son as cartas, esas que non se escriben xa, esas que atesouran información e emoción. Con Muriel, entre outros méritos, devólvensenos as ganas de volver escribilas: un verdadeiro galano desta equilibrista dos números e das letras que é María Canosa.