Un merecido premio da crítica española


Probablemente non sexa máis ca unha coincidencia feliz que o premio da crítica española do ano pasado na súa modalidade en galego, Isaac Xubín, sexa o excelente tradutor do premio da crítica española na modalidade en eúscaro que se lle outorgou a esta novela. Sexa como for, A hora de espertarmos xuntos, acusada de adoutrinamento en lecturas ao meu ver un tanto distorsionadas, atesoura valores literarios que a converte nunha proposta moi a ter en conta pois, ademais, fala de feridas, aínda abertas, e dunha manchea de esperanzas.

Uribe, coñecido en galego a través de Bilbao-New York-Bilbao (Xerais, 2010), segue a transitar por camiños singulares que exploran, se cadra nunha medida máis cautelosa, novas perspectivas de narración. Neste caso abéirase á idea de construír unha ficción procurando a confluencia entre unha historia de xinea familiar que agroma nas instancias do amor e outra de gran calado que se asoma a cincuenta anos da historia vasca, mais tamén española e europea, do século XX. Para iso asenta o argumento desde unha idea inicial como é a existencia dun cadro de Antonio Guezala onde repousan certas incógnitas que se irán, aos poucos, desvelando. É aí onde encaixan a biografía de Karmele Urresti, unha enfermeira afouta e intelixente, e a do trompetista Txomin Letamendi, convertido en espía ao servizo do Goberno vasco no exilio. Estas dúas persoas, xunto con outros actantes do clan familiar ou do ámbito das amizades, e inimizades, son retratadas con pulso firme e condúcennos con verosimilitude polas reviravoltas, moitas delas inesperadas, que protagonizan entre as que se contan as vivencias do exilio en Venezuela, os padecementos sufridos no cárcere, a persecución da propia lingua, a resistencia contra o franquismo ou o nacemento de ETA, entre outras. Mais a proxección íntima e histórica do argumento, ambiciosa de seu, alóngase en multitude de frontes. Ao tempo, a novela incorpora numerosos textos de carácter documental e outras informacións recabadas oralmente no que entendo como un recurso atractivo e vivificador: convoca a apertura do xénero cara a outras fronteiras e procura outros horizontes renovadores para ir, sempre, máis alá.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un merecido premio da crítica española