¿E se xuntamos a miña poesía e a túa pintura?

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

O poeta Antonio G. Teijeiro e mais o pintor Xulio G. Rivas acordan realizar un traballo de inspiración artística e literaria común

08 sep 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Hai proxectos que chegan felizmente a converterse en realidade sobre os que, ademais, resulta unha satisfacción escribir. Este é o caso de Poesía cromática, un libro inusual e singular entre nós que posúe unha xénese que é preciso detallar. Durante diversas sesións de traballo, distribuídas desde o ano 2014 ata o 2016, ambos os dous péchanse no mesmo edificio, nun andar diferente e cun tempo determinado, e cada un deles escribirá cinco poemas e pintará cinco acuarelas que se intercambian posteriormente. Esta dinámica non determina que o resultado sexa un libro de poesía ilustrada ou de pintura acompañada de poemas: antes ben xera suxestións que irán alimentando a posteriori este plan común que, ademais, se complementa coa audición da mesma música por parte dos creadores: do jazz á música clásica, de Leonard Cohen a Bob Dylan ou Aute.

O resultado é o que, nunha edición limitada e asinada polos autores, Belagua Ediciones nos ofrece: un libro que incorpora, a carón dunha versión mecanografada das composicións poéticas, as acuarelas e mais os poemas caligrafados sen someterse estes últimos a ningún proceso de emenda ou corrección posterior, de xeito que se revela diafanamente o que de espontáneo encerra esta interacción artística.

Poesía cromática, así pois, prologado con brillantez pola poeta Eva Veiga, establece un desafío desde a súa concepción inicial e a valoración que se pode facer desta aliaxe non pode ser mellor. As composicións poéticas réxense por un criterio que abraza arreo tanto a procura da beleza como o cuestionamento existencial desde unha particular sensibilidade intuitiva onde a referencia simbólica ás cores, aos silencios e ao vento, aos elementos da natureza onde o mar está case sempre presente ou esa inequívoca reflexión sobre o paso do tempo, conxúganse coas «insólitas fulguracións» -en acaídas palabras de Eva Veiga- creando atmosferas propicias dentro da abstracción expresionista na que Xulio G. Rivas se manexa con mestría.