Unha biografía de Manuel Antonio

Ten agora Manuel Antonio unha biografía digna da súa asoballante personalidade.


Unha biografía á que sempre haberá que recorrer se queremos ter unha idea axustada de tan senlleira figura. Porque este libro -denso, ben fundado, moi documentado e ben exposto- era unha necesidade que a nosa cultura reclamaba. Moitas e moi sobranceiras son as súas achegas. Só poderemos referirnos a dúas: este libro dá unha idea moi completa da formación intelectual do poeta rianxeiro, que asombra pola súa amplitude e actualidade en quen faleceu antes dos trinta anos e estaba tan ao día que ás veces xa tiña no seu poder libros que saíran en París un ano ou dous antes. O profesor Axeitos móstranos as fontes onde bebía Manuel Antonio, libros, revistas, retallos que gardaba, poemas manuscritos que se intercambiaban cos compañeiros de xeración, sempre moi atento ao que se facía en Europa, non só na poesía e na literatura, senón tamén no cine, na pintura ou na música. Así mesmo, ilústranos sobre o contido da súa biblioteca, tamén pouco común para alguén de tan curta vida, e sinala que unha das fontes de información de Manuel Antonio era as revistas literarias, a moitas das cales se subscribira e que cita expresamente, así como a información doutros compañeiros -Vicente Risco, por exemplo-. Pero este exquisito poeta é, á par, un patriota de acesa vocación, xa de moi novo identificado coas protestas sociais do seu pobo: a rebelión popular contra os caciques; a militancia no nacionalismo das Irmandades; combatente contra o nacionalismo español; o seu antiimperialismo ante a guerra de África... definen unha personalidade rebelde, atenta aos cambios do mundo e ás súas realidades. Non nos parece acertado, nin xusto, soster que García-Sabell secuestrou a obra de Manuel Antonio. O certo é o contrario, que a deu a coñecer. Que non chegase a publicar a prosa, ou non dese facilidades para que outros o fixesen, é algo que nada ten que ver con ningún secuestro. Este espléndido libro do profesor Axeitos, á marxe desta anécdota, móstranos con claridade e contundencia a senlleira personalidade de Manuel Antonio. Un libro imprescindible para ter unha idea cabal da súa vida e da súa obra; un libro que nos fará compaña -moi grata compaña, ademais- mentres nos fai entrar no mundo dun dos autores máis orixinais que deu a cultura galega. Saudamos con xúbilo a súa aparición.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha biografía de Manuel Antonio