Unha ducia de galegos


O futuro xornalista e editor Víctor F. Freixanes era un rapaz da pequena burguesía, estudante en Santiago a finais da década dos sesenta, cando deu en pensar nunha posible crónica do galeguismo a través dos seus propios protagonistas. O obxectivo era unir sobre o papel a xeración que aínda conservaba a memoria do século XIX, personificada na figura de Ramón Otero Pedrayo, coas vivencias máis inmediatas dos mozos do 68, daquela Carlos Casares ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Dese traballo xurdiron un conxunto de entrevistas, reunidas no volume Unha ducia de galegos, que en 1976 deixaron constancia dun tempo a medio camiño entre o franquismo e a reconstrución da autonomía galega, coas inevitables tensións e discrepancias que aínda hoxe protagonizan o debate político e cultural do país. Reeditado catro décadas máis tarde, e convertido dende a súa exitosa aparición nunha referencia testemuñal da nosa historia recente, cabe preguntarse se na Galicia dos nosos días un libro destas características, con outros entrevistados de lustre intelectual (hoxe non sería soportable a ausencia de mulleres) e un xornalista nacido nos 90 lanzando preguntas, espertaría un interese semellante. Haberá quen o dubide. Mentres xogamos a adiviñalo, quedamos entre as páxinas destes diálogos concibidos por aquel Víctor F. Freixanes de apenas vinte e cinco anos, atento ao que entón tiñan que contarlle algúns dos protagonistas máis sobranceiros da Galicia cultural do século XX.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha ducia de galegos