Vanesa Santiago, isto si que é fantasía

Ramón Nicolás

FUGAS

Cabalar

Ramón Nicolás escribe hoxe unha escritora emerxente que vén de gañar o premio Illa Nova

28 jul 2017 . Actualizado a las 06:05 h.

Pareceume unha luminosa idea a convocatoria dun novo premio, ao abeiro da Editorial Galaxia, que galardoase proxectos narrativos escritos por persoas menores de trinta e cinco anos. Bautizouse o galardón co termo Illa Nova e ben está esa escolla que evoca aquela histórica colección que botou a andar hai agora sesenta anos e que acolleu pezas narrativas que, nalgúns casos, acadaron a condición de clásicos. Comezo por esta referencia porque Vanesa Santiago, autora que se dera a coñecer coa novela Ninguén lembra (Urco, 2013), conseguiu o devandito galardón cunha atractiva proposta na que fai confluír elementos da novela realista con outros de corte fantástico-mitolóxico ou lendario. Para iso eríxese unha voz narrativa que transcribe afanosamente o que puido ir recollendo aquí e acolá para recrear unha historia de resonancias mariñeiras, nalgunha medida tamén históricas, omnipresentes en todo o texto e que van de Fontán (Sada) a todos os mares do mundo a través xustamente das particulares reviravoltas que protagoniza un personaxe sólido, deses que se fan querer pola auréola misteriosa coa que se deseña desde as primeiras páxinas. Velaí a presenza de Marcelo Firmamento: ese cosmonauta que chanta os pés no mar e os ollos no ceo e que aínda acredita na sinxeleza natural do extraordinario como son as mensaxes nunha botella por poñer un exemplo. Marcelo entende a vida, así pois, como aquel territorio no que todo pode pasar, mesmo descubrir o amor ou procurar un pai descoñecido. O continuo movemento, o ir e vir da súa existencia, posibilita asemade que entren e saian do cadro argumental outras voces e presenzas non menos atractivas como son os inesquecibles Rederrota, o Murallas, o Mouro e Ellaine. Non é menor a relevancia nesta novela dese pouso fantástico que que se funde ou dilúe no relato do cotián cunha atractiva harmonía -velaí as anamouras, o que ocorre nunha noite das noites, o engado dunha balea extraordinaria ou as moedas enigmáticas que traen sorte- que asume as técnicas do relato oral con brillantez para deixar unha mostra poderosa da súa efectividade narrativa ao integrarse cun fino sentido do humor. Medre o mar!, Marcelo Firmamento.

AUTORA

VANESA SANTIAGO

EDITORIAL

GALAXIA

200 PAX, 16 EUROS