«Sorpréndeme a acollida que estou tendo en castelán»

TEXTO: FRANCISCO ALBO

FUGAS

ALBERTO LÓPEZ

O autor galego esperta un amplo interese coa tradución da súa novela Izan o da saca, que xa vai pola cuarta edición en galego

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:30 h.

O escritor Xabier Quiroga -natural do municipio lucense do Saviñao- publicou recentemente La casa del nazi, a tradución castelá da novela Izan o da saca, que na súa versión orixinal en galego xa vai pola cuarta edición. Quiroga iniciou a súa carreira literaria hai quince anos con Atuado na braña e despois publicou outras cinco novelas. A obra recén traducida inspírase na presenza de axentes do Terceiro Reich en Galicia antes, durante e despois da Segunda Guerra Mundial.

-Esta non é a primeira obra súa que se traduce ao castelán.

-Non, porque antes apareceu a tradución de Era por setembro nunha pequena editorial e por influencia dun amigo. Esta nova tradución é un proxecto máis ambicioso.

-Hai moitos cambios con respecto á versión orixinal?

-O cambio máis importante é o do título. En castelán era imposible manter o xogo que encerra o título en galego: Izan o da saca é A casa do nazi ao revés. No demais é totalmente fiel ao orixinal. Foi feita por Isabel Soto, unha profesional con moita experiencia. Colaborei con ela na tradución e quedei moi contento co resultado.

-Como está sendo recibida a tradución, despois da boa acollida que tivo o orixinal?

-Estou un pouco sorprendido, porque tamén está tendo unha acollida moi boa. Por un lado, a novela fala de nazis e ese é un asunto que sempre fascina moito. Pero por outra parte está recibindo críticas que valoran moito a súa estrutura e o seu contido.

-Ata que punto son verídicos os feitos que conta na novela?

-A narración transcorre en dúas épocas diferentes, os tempos actuais e a posguerra. No relato hai un personaxe que investiga sobre a presenza de nazis en Galicia naquela época. É un personaxe ficticio, pero a investigación é real porque a fixen eu mesmo. Todo o que se conta no libro sobre o papel de Galicia nas rutas que usaron os dirixentes nazis para fuxir de Europa despois da guerra mundial é realidade histórica.

-Desde que apareceu o libro organizáronse incluso rutas guiadas polos escenarios da novela na Ribeira Sacra.

-Iso é algo que tamén me sorprendeu moito. Agora fálase de facer rutas conxuntas baseadas na miña novela e na última de Dolores Redondo, Todo esto daré, que foi traducida ao galego, porque as dúas obras coinciden en varios escenarios xeográficos.

-Como autor en galego, é moi difícil encontrar editores para darse a coñecer en castelán?

-Para min non foi nada fácil, porque xa o intentara con outras obras e non foi posible. Ao final conseguino grazas á axencia literaria de Lourdes Díaz, unha galega que leva toda a vida en Barcelona e traballou en editoriais moi importantes, e que agora está a esforzarse para difundir autores galegos no mercado español.