Unha xoia imprescindible para os nenos

FUGAS

Claudio Almeida

O libro do portugués João Manuel Ribeiro, «Meu avó, rei das pequenas cousas», é un fermosa metáfora do goce dos pequenos detalle. O autor estará proximamente na Coruña asinando na feira do libro.

27 jul 2017 . Actualizado a las 16:31 h.

Hai nesta pequena xoia do portugués João Manuel Ribeiro moito do espíritu de Saramago, nesa esencia poética que abrangue a realidade. Esa maneira de contar que o Nobel destacou naquela anécdota en que narrou como o seu avó se foi despedindo da natureza ao presentir a morte. O modo en que Jerónimo Melrinho decidiu abrazar unha por unha as súas árbores. Un simple pastor, un campesiño analfabeto que deste xeito natural soubo dicir adeus a todo o que ata entón fora a súa propiedade. Despediuse así -escribiu Saramago- da familia e das árbores como se todo fose a súa familia.

Ese mesmo celme escorrega por todas as páxinas deste conto de Ribeiro, Meu avó, rei das pequenas cousas, obrigado para todos os nenos, pais e avós que desexen disfrutar dunha lectura gozosa. No sentido amplo da palabra. Gozar das múltiples vertentes do amor intenso e paciente aos nosos, á natureza, enfiando historias que pretenden afoutecernos nos minúsculos luxos que temos ao redor. Na sinxeleza. Ribeiro acóllese ao recurso da metáfora que fabula os grandes temas da vida demorándose con paciencia nunha prosa que é poesía: «Todas as mañás, non ben o sol se erguía, o avó atravesaba o seu pequeno reino e contemplaba con serenidade os milagres que a noite deixara -eran as pingas de fino orballo sobre as plantas e os froitos, era o cheiro a terra mollada, eran os niños adormecidos, o crecemento do millo, do trigo...». Queda nas súas mans esta fermosura de conto que descobre a marabilla dun mundo mellor.