Este libro espera por vostedes

.

A miña profesión ensinoume a valorar e respectar a historia da miña cidade. E non hai espello onde a ela lle guste máis mirarse que na súa arquitectura», di o coprotagonista desta novela o arquitecto Simón Varela. En efecto, da historia dunha cidade revoltada como é Vigo, mais tamén da súa fundación como tal, de tramas vinculadas á corrupción urbanística, dunha ou varias historias de amor, de personaxes nalgún caso pintorescos pero solventes pululando polos douscentos últimos anos da fiel, leal, valorosa e sempre benéfica, fala esta novela de Pedro Feijoo, empoleirado con xustiza como un dos narradores de maior alento e proxección desde hai uns anos para acó, tanto no ámbito da crítica serena como da cidadanía lectora pois resulta indubidable como, nun breve período de tempo, o autor conseguiu converterse nun auténtico fenómeno literario do que un non pode deixar de alegrarse porque este se sustenta tanto na escolla de argumentos que contan cun inequívoco atractivo para unha ampla masa lectora como no manexo das ferramentas máis acaídas: ritmos narrativos apropiados, diversidade na tipoloxía textual -manuscritos, crónicas e certa concepción teatral da proposta- ou verosimilitude nas tramas que se entrecruzan, onde sempre hai ocasión para que agrome a vontade de intervir sobre o presente, sen dar as costas a un fino humorismo.

De todo isto hai nesta novela mais por baixo desa urdime de thriller ambicioso e milimetricamente deseñado, desenvolto nun espazo familiar ou que se pode converter en familiar--fantástico ese comezo na Porta do Sol, o capítulo da persecución polo Parque de Castrelos ou a presenza do edificio simbólico da Panificadora, por só citar tres casos- hai máis: moito máis. E talvez o elemento que cohesione esta novela se alicerce aquí nesa vontade irrenunciable de cuestionarse ese lugar común que nos explicaron desde pequenos que apunta á Reconquista contra os franceses: Os fillos do lume ten o mérito de situar ese foco que desvela a orixe das cousas a outra altura, fai que revisemos mitos fundacionais por se isto da liberación da ocupación francesa non sería, na realidade, a de lograr unha independencia distinta, inspirada noutras instancias e con outros intereses onde o protagonismo lle correspondería a figuras diferentes. Se queren coñecer as razóns desta interpretación, se queren pasar unhas fantásticas horas de lectura non dubido que este libro espera por vostedes.

Votación
3 votos
Comentarios

Este libro espera por vostedes