As grandes aventuras de Xurxo Mariño

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

PEPA LOSADA

«Terra» non é unha enciclopedia senón algo mellor, hai por fortuna unha distancia case sideral e alégrame que así sexa

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:25 h.

Non será unha experiencia única, supoño, a que vou relatar: ao coñecemento do porqué das cousas, das persoas célebres, tamén do planeta que habitamos, cheguei grazas a unha enciclopedia xeneralista que había na miña casa que, baixo o título de Dime que, Dime cando, Dime como, etc., presentaba contidos máis ou menos científicos expostos de xeito sinxelo e breve. Daquel proxecto a este Terra, subtitulado Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo. Inserido nunha a colección titulada Básicos Ciencia de Edicións Xerais, dirixida por Miguel Vázquez Freire e que aposta decididamente pola divulgación científica en lingua galega, a este libro, con todo, sería inxusto tratar de aplicarlle algunha desas taxonomías ás que estamos tan afeitos os que practicamos a crítica; tamén sería imposible nunhas liñas sequera sistematizar os seus contidos e aínda menos a experiencia, enriquecedora, formativa e divertida que xera a súa lectura. Malia todo, é obrigado escribir sobre todo isto.

A proposta do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño é, sen dúbida, apaixonante. Nela articula unha aliaxe intrépida e interxenérica entre antropoloxía, historia e literatura de viaxes, pois o libro recolle a experiencia dunha viaxe de once meses ao longo de diversos países do mundo. Pero non se agarde un discurso formalizado ou plúmbeo: antes ben, Mariño opta por priorizar a idea da divulgación dos contidos científicos e faino con transparencia, con estilo propio, exhibindo un rexistro fluído e, en moitas ocasións, salferido cunha ollada na que non falta o humor nin a ironía. Son moitas as portas que se abren neste libro. Eu convido vivamente a que se abran pois permiten acceder a espazos que talvez sexan intuídos ou sospeitados, mentres que outros sen dúbida resultan descoñecidos. De ambos os dous sáese diferente e por riba sácianse curiosidades mercé a ollada dun naturalista contemporáneo. Parabéns a Mariño por esta proposta que nace da vontade de compartir e que tanto favor lle fai á divulgación científica. Sen dúbida, un dos libros máis salientables e suxestivos deste ano literario.