Un chapuzón no océano literario de Alonso Montero

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

manuel

A poesía militante dun poeta popular

05 may 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

En efecto, velaquí os versos dun fistor, dun poeta popular que, neste caso, non é iletrado nin analfabeto -abofé que non- mais mantén a fidelidade ao espírito único das creacións populares que reflicten unha concepción particular e comprometida do mundo, sobre todo ao recrear temas enraizados no ámbito social e non só.

Composicións agarimadas e tratadas con moito enxeño para confluíren nun océano alimentado por aguas que veñen dos ríos da República, do marxismo, do ateísmo e do epicureísmo. Todos eles fan posible este oceáno -literario- que é Xesús Alonso Montero, malia faltaren aínda outros ríos non menos relevantes que deseñan outras aristas da súa biografía intelectual e da súa faceta máis persoal.

Hai formulacións poéticas aquí moi diversas: desde aquelas inspiradas nas fórmulas medievais, pasando polas paráfrases poéticas doutras voces como as Celso Emilio Ferreiro ou Curros Enríquez ata homenaxes explícitas a diversas persoas ou auténticas alfaias como o poema dedicado ás cento dez palabras máis fermosas da lingua galega e, mesmo, esoutros de carácter popular entre os que me permito destacar un que sempre foi moi do meu gusto pola súa fantástica conclusión: «Os funcionarios da Vila, / nugalláns que eles son, / érguense co día alto, / con home e medio de sol».

Un sabía, desde hai tempo, da afección e dedicación de Alonso Montero a estes mesteres creativos polo que saúdo con alegría esta escolma que descobre ou redescobre parte deste labor cultivado nun amplo período que vai de 1963 ao 2016 e que posibilita, así, acceder a esta produción con facilidade. Poemas, así pois, que se constrúen e vibran en esencia desde as instancias tanto do aludido epicureísmo como da militancia nos valores da xustiza e a igualdade, onde salienta esa rara, por infrecuente, dobre virtude que é percibir e denunciar as inxustizas sociais, sexas estas cales foren. Velaí, en definitiva, os ecos dunha voz lírica singular que constrúe á mantenta unha cartografía persoal inimitable. Quen dubida, por outra parte, que constitúe un dos libros máis intensamente políticos do autor.