A razón das cousas que non son porque si

Ramón Nicolás

FUGAS

Ramón Leiro

Gústame ver este «Sapos e sereas» como un proxectil

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

É sempre moi grato ler unha achega narrativa dunha autora que comeza o seu camiño e aínda máis cando esta estrea leva aparellada unha indubidable brillantez literaria. Sapos e sereas testemuña a aparición dunha voz que confío chegue para quedar e poida ofrecer no futuro máis probas do seu traballo. Polo de agora este volume supón unha excelente carta de presentación que ben se pode entender como unha colectánea de relatos ou se se quer, pois en cuestións de xéneros literarios todo é discutible, unha novela ao abrazar internamente liñas argumentais que dalgún xeito se interfiren e que magmatizan a totalidade do seu contido.

Dun ou doutro xeito, esta proposta da Ana Cabaleiro tripa camiños pouco convencionais e, por outro lado, exhibe un proceso de creación madurado e conscientemente activo ao peneirar todos os argumentos recreados cun cribo que permite obter unha visión diferente dos que son pequenas ou grandes historias, abordando lugares comúns ou non tanto, sexan tirados da mitoloxía ou da vida cotiá, reparando na adecuación desas respostas colectivas e individuais que chegaron ata nós as máis das veces cunha lectura unívoca e olladas tan só desde a perspectiva patriarcal. Neste libro hai moita vida e, como tal, latexa nel de punta a couce unha vontade de cuestionarse a razón última -se a hai- das cousas que non son porque si, dos comportamentos, das actitudes, dos pequenos xestos da vida cotiá que por veces acadan, ou poden acadar, consecuencias inesperadas.

Gústame ver este «Sapos e sereas» como un proxectil -acompañado de humor e ironía en moitas ocasións, tamén con moito coidado depositado no rexistro que se emprega- que atravesa a toda a velocidade a liña de flotación dos estereotipos, os clixés, as convencións sociais ou os prexuízos máis daniños. Impacta neles con acerto e só agarda que sexamos activos e que, talvez, saibamos responder. Contra ese estado de narcolepsia que adormece ofrece reflexión e suxire reacción. Talvez por iso sexa un libro que me gustou tanto.