Pablo Carbonell e Albert Pla participan na Mostra de Teatro Universitario

FUGAS

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) encherá a cidade de propostas chegadas de toda a península

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) encherá a cidade de propostas chegadas de toda a península, como acontece dende hai 22 anos, e nesta ocasión tamén de Colombia, Iraq e Costa de Marfil. O certame escénico celebrarase entre o 20 de abril e o 6 de maio e o seu director, Fernando Dacosta, lembrou na presentación que a mostra sempre apostou polo teatro que se está a facer en países en conflito para espallar a súa problemática. Logo de moitos anos de xestións fallidas, á Miteu virá un grupo de Iraq. Al Salam Group of Modern Art representarán Children of war, unha coprodución de Iraq, Holanda e Suecia que se poderá ver o día 26 no Teatro Principal (20.30 horas).

Xunto coa importante presenza da oferta universitaria que se está a facer en Portugal e as propostas de universidades de Galicia, Cataluña, Andalucía, Madrid, Extremadura, Rioja e Castela León, a Miteu 2017 tamén ofrecerá outras propostas escénicas grazas á colaboración do Concello de Ourense, Deputación e Consellería de Cultura.

Así, na xornada inaugural contarase coa presenza do espectáculo El mundo de la tarántula, con Pablo Carbonell -día 20, no Auditorio de Ourense ás 23.00 horas-, o 28 de abril estará Clownic (Tricicle) coa montaxe Ticket (Auditorio, 20.30 horas) e o 5 de maio haberá un concerto de Albert Pla (Auditorio, 23.00 horas). A coincidencia co ICC Week fai que a Miteu incorpore o concerto inaugural deste encontro, a cargo de Depedro.

OURENSE, DO 20 ABRIL AO 5 DE MAIO