Trinta anos de disfrute na trincheira

Máis que falar só de aniversario, a Eduardo Alonso gústalle dicir que Teatro do Noroeste, a compañía que fundou e que dirixe, cumpre neste 2017 «trinta anos actuando»

.

E non é un matiz caprichoso. Porque non houbo nin un só ano nestes trinta que Teatro do Noroeste non estrease polo menos un espectáculo. Que tamén os houbo de dous. En total foron 36 producións teatrais as que a compañía puxo en escena nestas tres décadas, nas que representaron máis de 1.250 funcións.

«Cando boto a mirada atrás asústome un pouco», confesa un Eduardo Alonso que di ter a sensación de non ter saído nunca da trincheira. «Sigo véndome aí, na primeira liña da fronte, como ese vello ao que os mozos de 20 anos miran con certa perplexidade. Pero aínda disfruto moito».

Referente incuestionable sen o que a escena galega tería sido, seguro, outra cousa, Eduardo Alonso recoñece que Teatro do Noroeste non é o que el quixo que fose senón o que as circunstancias o levaron a ser. «Fómonos adaptando aos tempos». A idea inicial, di, era a de ser unha compañía de repertorio con amplos repartos, que montara clásicos e que pedise textos teatrais aos autores galegos, como fixeron no seu día con Suso de Toro, Manuel Rivas ou Miguel Anxo Murado. Así foi Teatro do Noroeste nun tempo. «Hoxe somos unha compañía de autor. Que non está mal. Pero eu aínda teño confianza en volver saír de aí e, por exemplo, antes de deixar paso á xente nova montar un gran Valle-Inclán. É a ilusión da miña vida».

Froito desa obrigada redefinición conceptual foron xurdindo espectáculos como Imperial Café Cantante. Vigo 1936, Glass City e Palabras Malditas. Todos eles plantexados cun nexo común, a revisión da memoria histórica apegada ao cotián, ao que nos é máis próximo. Sen enmascarar a traxedia nin a dor, nin sequera cando a obra se vestía formalmente de musical.

Nese contexto e seguramente para pechar un ciclo -e quen sabe se con vontade de algo máis- sitúase Estado de Graza, o novo texto de Eduardo Alonso que Teatro do Noroeste leva a escena baixo a súa propia dirección.

Nesta ocasión a obra sitúase nos días previos e posteriores á morte de Franco. Nese contexto a peza vai situando certeiras cargas de profundidade que obrigan á reflexión respecto a cuestións transcendentes como as diferenzas xeracionais e de clase ou a defensa das liberdades individuais fronte ao xugo que impoñen a relixión e as convencións sociais.

Así, o duro enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte que chega coa liberdade por bandeira queda representada na difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas. Todo iso situado no tardofranquismo, seguramente o momento histórico no que dúas xeracións consecutivas estiveron máis distantes ideoloxicamente.

A obra está interpretada por catro mulleres -Luma Gómez, Imma Antonio, Manuela Varela e Nini True- que representan catro maneiras ben distintas de enfrontarse á vida. Ás veces á que lles toucou vivir. Noutras, a aquela que de forma valente elixiron. Porque, como sinala o autor e director, «as mulleres sempre estiveron no inicio das revolucións».

Votación
0 votos
Comentarios

Trinta anos de disfrute na trincheira